A Alcaldesa renova o apoio do Concello á Asociación Española Contra o Cancro

Lara Méndez mantivo este venres un encontro coa presidenta e a tesoureira desta asociación, á que o Concello lle outorga unha axuda económica anual duns 2.500 euros

Venres, 12 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa renova o apoio do Concello á Asociación Española Contra o Cancro

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este venres un encontro coa presidenta e a tesoureira da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Lugo, María Luz Abella e Ángeles Encinas, dentro da súa continua rolda de reunións con colectivos sociais da cidade.

No encontro, a rexedora expresou a vontade do Goberno de manter “a estreita colaboración municipal co gran labor de apoio e sensibilización que realiza esta asociación”, á que o Concello outorga unha axuda económica anual duns 2.500 euros, destinada á atención integral de persoas diagnosticadas de cancro. Méndez tamén incidiu no apoio da AECC á investigación, fundamental para avanzar nos métodos de diagnóstico e na mellora de tratamentos dunha enfermidade da que no 2014 se diagnosticaron en España máis de 241.000 tumores.

Pola súa banda, Abella e Encinas explicáronlle á rexedora os seus obxectivos á fronte da asociación, que ocupan dende o pasado 15 de decembro, e que pasan por incrementar o número de socios e de voluntarios, así como aumentar a recadación destinada á investigación. Neste senso, lembraron que a AECC recadou uns 3.000 euros na Marcha Solidaria Contra o Cancro celebrada o pasado 31 de xaneiro, enmarcada dentro da carreira popular Lugo Monumental, organizada polo Concello, unha acción pequena pero importante para a asociación, que agradeceu profundamente a colaboración á entidade local.

A AECC é unha organización sen ánimo de lucro con máis de 60 anos de antigüidade que integra a pacientes, familiares, voluntarios e profesionais para loitar contra o cancro. Perseguen diminuír o impacto causado por esta enfermidade e mellorar a vida dos seus doente a través das súas sedes, que posúen en máis de 2.000 localidades españolas.

Noticias relacionadas