A Alcaldesa reivindica o uso do galego como “forma de facer país” na homenaxe a Ramón Piñeiro

Lara Méndez participou nos actos organizados no Concello de Lugo pola Real Academia Galega para render tributo “ao mestre do galeguismo”, desexando que este recoñecemento “redunde na memoria cultural de Galicia”

Martes, 29 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Homenaxe a Ramón Piñeiro

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes na homenaxe a Ramón Piñeiro que a Real Academia Galega organizou no Salón de Plenos do Concello. Os actos programados consistiron nunha mesa redonda moderada polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, na que participaron os académicos Xosé Manuel Dasilva, Henrique Monteagudo e Andrés Torres, que fixerón fincapé no compromiso integral e integrador de Piñeiro coa lingua galega. No acto tamén participou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre.

Lara Méndez lembrou a figura de Ramón Piñeiro, máis coñecido como o mestre do galeguismo, como “un lucense de Láncara comprometido coa defensa da cultura e a lingua galega, e coa democracia”.

A rexedora, loubou o esforzo que fixo Ramón Pieñiro para conseguir “erguer o galego entre a marxinación e a persecución”, ao tempo que subliñou que a defensa do idioma, “como parte central da nosa identidade como pobo, ten que ser unha responsabilidade colectiva, firme e constante: onte, hoxe e mañá. As administracións coas competencias deben implicarse, teñen o deber de velar polo uso do galego, pois estamos vendo como, lamentablemente, perdeu falantes en todos os eidos, especialmente entre os máis novos, situándose nos niveis máis baixos de toda a historia”. Neste senso, Méndez reivindicou o galego como “forma de facer país”.

“O galego é o noso maior tesouro, un valor de futuro. É imperdoable non impulsar e privar ás novas xeración desta riqueza, á que tanto achegou e pola que tanto loitou desinteresadamente Ramón Piñeiro, quen deu os primeiros pasos para a normalización do galego”, subliñou Méndez. 

A Alcaldesa desexou que, tanto esta homenaxe como cantos recoñecementos se lle están a tributar neste 2015 -100 anos despois do seu nacemento e 25 do seu pasamento- “redunden na memoria cultural de Galicia”.

Multimedia

Noticias relacionadas