A Alcaldesa reclama unha igualdade salarial que elimine a fenda, dun 21% en Galicia, máis de 4.700 euros

Lara Méndez lembrou que as galegas perciben un salario medio dun 10% inferior ao conxunto das españolas. "Non podemos consentir en pleno século XXI estas tremendas diferenzas", subliñou

A rexedora fixo fincapé na necesidade dunha lei de igualdade salarial, para lograr a mesma retribución polo desempeño dun traballo de igual valor

Mércores, 22 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reclamou este mércores unha igualdade salarial que elimine a fenda entre as retribucións que perciben as mulleres e os homes pola realización de idéntico traballo, unha diferenza dun 21% en Galicia, é dicir, de máis de 4.700 euros menos. Fíxoo coincidindo co Día Europeo da Igualdade Salarial.

A rexedora lembrou que as galegas perciben un salario medio dun 10% inferior ao conxunto das españolas, sendo a retribución por hora traballada a segunda máis baixa do Estado, con só 9,57 euros. "Non podemos consentir en pleno século XXI estas tremendas diferenzas", asegurou Méndez, ao tempo que reivindicou acceder en igualdade real de condicións ao mercado laboral. Ademais, a rexedora fixo fincapé na necesidade dunha lei de igualdade salarial, para lograr a mesma retribución polo desempeño dun traballo de igual valor e reafirmou o seu compromiso de traballo contra as causas da desigualdade.

Méndez tamén denunciou que a fenda salarial obriga ás mulleres galegas a cotizar 10 anos máis para ter a pensión dun home. E é que as pensionistas galegas viven cun importe medio de 593 euros, elevándose a fenda, no caso das pensións de xubilación, ata máis do 38%.

Nesta liña, e tendo en conta as cifras, a Alcaldesa subliñou que as políticas públicas tanto do Estado como da Administración Autómica, institucións competentes en materia de emprego, non tiveron bos resultados na equiparación salarial. "Corrixir a fenda salarial é unha cuestión de igualdade e esíxenos romper co teito de cristal así como articular medias de conciliación", concluíu Méndez.

Noticias relacionadas