A Alcaldesa proxecta 7 aparcadoiros disuasorios na cidade dunhas 600 prazas e abrir á cidadanía o do antigo seminario en xornada de tarde e as fins de semana

As parcelas, de titularidade municipal, contan cunha superficie total de preto de 12.000 metros cadrados e sitúanse na zona norte da cidade, nas inmediacións de Fontiñas, na zona da Piringalla e en San Roque

 "Lugo é o impulso das súa xente, e por iso respondemos as súas necesidades mostrándonos ao lado das súas demandas. A única meta deste goberno, é facer de Lugo unha cidade máis amable, máis amiga e sobre todo, unha cidade inclusiva", asegurou Lara Méndez

 A rexedora deu a coñecer que Interparking lle fixo chegar ao Concello a proposta onde asumen o compromiso de converter 3 prazas en 2 nos tres aparcadoiros públicos subterráneos, para facelas máis accesible e cómodas 

Xoves, 09 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa proxecta 7 aparcadoiros disuasorios na cidade dunhas 600 prazas e abrir á cidadanía o do antigo seminario en xornada de tarde e as fins de semana

Pouco a pouco, pero sen descanso, o Goberno de Lugo da pasos en busca e procura dunha mobilidade sostible, que sexa, nada máis e nada menos, amable cos veciños e veciñas. E así o fixo ver hoxe a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen anunciou en rolda de prensa a proxección de 7 aparcadoiros disuasorios na cidade.

Tal e como explicou Méndez, o Goberno encargou hoxe o Estudo Técnico de Viabilidade Urbanística e Funcional e posterior redacción do proxecto para conseguir o uso como aparcadoiros disuasorios de 7 parcelas de equipamento comunitario e de titularidade municipal en diversas zonas da cidade. Trátase duns estudos que non só facultarán ao Concello para levar a cabo o aproveitamento provisional das parcelas municipais en aparcadoiros disuasorios, senón que permitirán saber se reúnen os condicionantes urbanísticos, se son eficientes desde o punto de vista da mobilidade e, ademais, se contan con accesos sinxelos que enlacen cos viarios.

As parcelas obxecto de estudo pormenorizado son as seguintes, unha na rúa Manuel Portela, na zona norte da cidade; na rúa Alcalde Xosé Novo Freire, nas inmediacións de Fontiñas, unha terceira parcela interior, entre a rúas río Sil e a Avenida Infanta Elena, a cuarta entre a rúa do Buxo e Manuel María, tamén no norte da cidade; outra tamén na rúa Manuel María, cara o barrio da Piringalla, na rúa Río Narla, á beira da Avenida da Coruña, e na rúa Jacinto Calvo, ata onde se desprazou a rexedora para anunciar esta nova medida de mobilidade, "fundamental para ter un Lugo propio do século  XXI". Esta é ademais outra acción máis da estratexia Móvete por Lugo e é a terceira medida que toma o Goberno para  recuperar espazos públicos para os peóns, "algo que ademais permitirá maior calidade urbana, maior seguridade viaria, menos contaminación, e sobre todo, máis dinamismo e máis vida á cidade", segundo explicou a rexedora.

Estas parcelas que o Concello pon a disposición, contan cunha superficie total de preto de 12.000 metros cadrados e segundo os estudos previos do servizo de enxeñaría, acollerán unhas 600 novas prazas, que serán de uso gratuíto para a disposición dos lucenses e visitantes. Este novo investimento do Goberno será realidade este verán, dependendo dos informes técnicos.

"Lugo é o impulso das súa xente, e por iso respondemos as súas necesidades mostrándonos ao lado das súas demandas. A única meta deste goberno, é facer de Lugo unha cidade máis amable, máis amiga e sobre todo, unha cidade inclusiva", aseverou Lara Méndez.

O aparcadoiro do antigo seminario, aberto á cidadanía

A maiores, a Alcaldesa anunciou que tamén se realizará un estudo de viabilidade para abrir o aparcadoiro do antigo seminario a toda a cidadanía, un aparcadoiro que polas mañás é usado polos traballadores do Concello. "Se a cidade é dos veciños, o que sexa do Concello tamén é dos veciños", asegurou Méndez, ao tempo que explicou que será aparcadoiro disuasorio en horario de catro a dez da noite entre semana, ampliándose o horario durante a fin de semana.

Méndez explicou que o aparcadoiro do seminario é 100% accesible xa que non ten barreiras arquitectónicas e alberga aproximadamente 80 prazas.

Aparcadoiros subterráneos

Interparking fíxolle chegar onte ao Concello a proposta onde asumen o compromiso de converter 3 prazas en 2 nos tres aparcadoiros públicos subterráneos, para facelas máis accesible e cómodas, tal e como anunciara hai unhas semanas a rexedora. Así mesmo, a empresa concesionaria facía a proposta de redimensionamento do contrato, que xa se está a estudar na entidade local. 

Audios

  • Lara Méndez, sobre os aparcadoiros disuasorios | Descargar mp3
  • Lara Méndez, sobre o aparcadoiro do antigo seminario | Descargar mp3

 

Noticias relacionadas