A Alcaldesa preside a toma de posesión da nova Directora Xeral de Recursos Humanos, Ana Sáez Mancebo

Lara Méndez desexoulle os maiores éxitos no seu cometido, “no que é o noso desexo gañar eficacia e eficiencia na xestión do persoal, o que repercutirá na prestación dos mellores servizos aos veciños e veciñas de Lugo”

Luns, 01 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa preside a toma de posesión da nova Directora Xeral de Recursos Humanos, Ana Sáez Mancebo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu este luns o acto de toma de posesión da nova Directora Xeral de Recursos Humanos do Concello de Lugo, Ana Sáez Mancebo. Sáez prometeu este cargo, no que os seus primeiros cometidos serán o proceso de funcionarización, axilizar a nova RPT, a convocatoria das prazas da oferta de emprego público de 2015, así como a oferta de 2016 e 2017, a implantación do control horario e o portal do empregado municipal.

No acto, a Alcaldesa destacou a súa longa traxectoria como funcionaria pública e o seu compromiso con este Concello, ao tempo que lle desexou os maiores éxitos no seu cometido,” no que é o noso desexo gañar eficacia e eficiencia na xestión do persoal, o que repercutirá na prestación dos mellores servizos aos veciños e veciñas de Lugo”.

Ana Sáez foi nomeada en Xunta de Goberno do pasado 20 de xullo para esta figura, aprobada en Pleno en xuño, que colaborará coa Concellería de Desenvolvemento Sostible e Persoal e co propio servizo de persoal para reorganizar e reestruturar os recursos humanos. As funcións da directora xeral aparecen recollidas no artigo 56 do Regulamento Orgánico Municipal do Goberno e Administración (ROMGA) do Concello de Lugo.

26 anos de traxectoria no Concello

Licenciada en Dereito pola Universidade Autónoma de Madrid e máster en Técnico Urbanista polo Instituto Nacional de Administración Pública, Ana Sáez Mancebo (Madrid, 1957) conta cunha extensa e solvente traxectoria profesional, de 35 anos, tanto fóra como dentro do Concello, onde é empregada pública dende hai 26 anos. Comezou en Contratación no ano 1990, servizo do que asumiu a xefatura dous anos despois, no 92, e ata o ano 2007, cando se incorpora á Asesoría Xurídica.

Ana Sáez, que ten impartido formación sobre procedemento administrativo local e de contratación, recoñece a súa paixón pola práctica e o estudo xurídico. Afronta este novo reto na Dirección Xeral de Recursos Humanos con moita ilusión, responsabilidade e con “gañas de ofrecer o mellor de min mesma nesta última etapa da miña vida laboral”.

Noticias relacionadas