A Alcaldesa presenta o deseño da pasarela peonil ao Miño, que terá un orzamento de máis de 880.000€

Será un paso de arco metálico, apoiado en dous estribos de formigón, que á súa vez servirán de apoio ás ramplas de acceso, tamén metálicas e con trazado en espiral. Con pavimento de resina, terá dúas vigas dóricas laterais, en consonancia co pasado romano da cidade

A través do plan europeo Muramiñae, da Muralla ao Miño, o Goberno responde a “unha demanda histórica” da cidadanía lucense con esta obra, que favorecerá a conexión segura e cómoda de peóns e bicicletas entre o casco urbanos e o río

Venres, 09 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa presenta o deseño da pasarela peonil ao Miño, que terá un orzamento de máis de 880.000€

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este venres o deseño da pasarela peonil ao río Miño que o Concello acometerá a través do programa Muramiñae, da Muralla ao Miño, cofinanciado nun 80% polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Esta infraestrutura, coa que o Goberno local responde a unha “demanda histórica” da cidadanía lucense, “nace co obxectivo de crear un novo itinerario para peóns e bicicletas que favoreza a continuidade do casco urbano de Lugo á zona do río Miño, pois na actualidade soamente existen dous accesos peonís, ambos mediante pasos inferiores, tres se contabilizamos a rúa da Ponte, tamén mediante paso inferior”, explicou a rexedora.

As obras proxectadas consisten na execución dun paso superior peonil sobre a N-VI de xeito que se reforce a permeabilidade transversal entre o casco histórico e unha das zonas máis deportivas, así como á zona de congresos da cidade.

Esta pasarela terá un dos seus estribos na isleta do enlace da N-VI co acceso ao complexo deportivo e ao campo de fútbol, sendo este o único espazo posible de desembarco. O outro dos estribos localizarase na zona máis próxima posible á zona do aparcadoiro do Pazo de Feiras.

Características

Será unha pasarela de arco metálico rebaixado, que se considera a máis adecuada debido á súa luz libre de 45 metros, apoiada en dous estribos de formigón, circulares de 2 metros de diámetro, que á súa vez serven de apoio ás ramplas de acceso, tamén metálicas e con trazado en espiral. “Un dos elementos máis singulares deste proxecto da pasarela é que se materializa en torno a dúas vigas dóricas laterais, moi acaídas, por certo, nunha cidade de pasado romano. Colocarase tamén unha varanda e pavimento de resina antideslizante”, explicou a Alcaldesa.

Accesos

O acceso norte terá lugar dende o actual paso de peóns sobre o ramal de enlace coa N-VI. Débese acondicionar un camiño peonil que discorra entre os ramais do enlace dirección Madrid-Lugo e Lugo-A Coruña, de xeito que se comunique o paso de peóns coa isleta na que se ubican as rampas de acceso.

Ademais, e co fin de manter un ancho mínimo de 2 metros de paso libre, débese desprazar o carril Madrid-Lugo lixeiramente cara o exterior, pois o espazo libre existente actual é de un metro. A zona peonil entre os carrís de enlace protexerase mediante barreiras de protección ríxidas.

O acceso sur non plantexa ningún inconvinte xa que se comunica a rampla cos itinerarios peonís internos do aparcadoiro do campo de fútbol. Para elo, ocúpase unha pequena franxa de zona verde do aparcadoiro e unha franxa do propio aparcamento, ocupando 2 prazas. Deste xeito, xérase un pequeno itinerario peonil en superficie para enlazar coas vías de peóns xa existentes.

O orzamento deste proxecto, enmarcado dentro da estratexia EDUSI, Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiado ao 80% por Fondos Europeos de Desarrollo Regional (FEDER), é de 885.700 euros.

Conexión segura e cómoda

“Moitas veces a xente pregúntase para que serven os fondos FEDER. A resposta máis ampla é para mellora a vida da veciñanza, e neste caso, a resposta máis concreta é para facer unha pasarela peonil que permita unha conexión segura e cómoda para peóns e ciclistas”, asegurou Méndez.

“Creo que poucas infraestruturas teñen tanto simbolismo e identidade como unha pasarela, e máis nunha cidade que sempre viviu de costas ao Miño, separando o medio que atesoura patrimonio histórico e medio ambiental. Por iso, con esta pasarela xuntaremos o pasado de Lugo cun impresionante futuro de desenvolvemento, e de desenvolvemento sostible, polo que vimos apostando dende o Goberno en todas e cada unha das nosas actuacións, co obxecto de conseguir espazos máis amables onde facer vida de cidade”, engadiu a Alcaldesa.

Lara Méndez destacou que hoxe “comézase a cumprir un soño, non só o dos miles de siareiros que acoden cada quince días ao Anxo Carro, senón o de todos os lucenses. Con esta nova medida de mobilidade urbana transformaremos o carácter da cidade, esa cidade que sempre viviu de costas ao Miño, para convertela en cidade que prolonga os espazos públicos para o seu uso público”.

Documentos

Noticias relacionadas