A Alcaldesa presenta a estrutura do novo Goberno

“Formamos un equipo unido, sólido e dinámico, as nosas maiores fortalezas, xunto cunha forte vocación de servicio público, experiencia na administración pública e no ámbito profesional”

“A estructura de goberno trata de responder con eficacia ás necesidades dos veciños, e conseguir un desenvolvemento social e económico xusto e igualitario aproveitando os nosos propios recursos e potencialidades”

A organización recolle xa algunhas das demandas que os traballadores lle trasladaron á rexedora durante a súa primeira toma de contacto

Venres, 03 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa durante a presentación da estructura do novo Goberno

A Alcaldesa, Lara Méndez, xunto ao voceiro do grupo municipal socialista Miguel Fernández, e a vicevoceira, Carmen Basadre, deu a coñecer este venres a estructura do Goberno municipal dos vindeiros catro anos e que concelleiros se ocuparán de cada área de actuación. “Formamos un equipo unido, sólido e dinámico, as nosas grandes fortalezas, xunto cunha forte vocación de servicio público, experiencia na administración pública e no ámbito profesional, ilusión e ganas de traballar por e para os lucenses con transparencia, rigorosidade, diálogo e participación”, subliñou a rexedora.

A estructura de goberno e a distribución das concellerías tratan de responder “con eficacia ás necesidades das veciñas e veciños de Lugo, e conseguir un desenvolvemento social e económico xusto e igualitario aproveitando os nosos propios recursos e potencialidades”, explicou Lara Méndez.

Ademais, a organización do goberno “incorpora xa algunhas das demandas que nos trasladaron os propios traballadores durante a primeira toma de contacto que tivemos con eles nestes días, co fin de optimizar os recursos existentes”, engadiu.

A estructura do novo Goberno local será a seguinte:

Área de Alcaldía

Dela seguirán dependendo os servicios de protección da comunidade: Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, ademais da representación institucional, organización dos servicios administrativos e de coordinación do Goberno municipal.

Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico

A Área de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico estará dirixida por Ana Prieto

Ademais das cuestións relativas á facenda local e recadación, esta concellería impulsará iniciativas para fomentar a creación de emprego, a través da formación e orientación para mellorar as oportunidades de inserción laboral, o emprendemento e as políticas activas de emprego. Sacará adiante tamén iniciativas e proxectos que fomentarán a actividade económica e o comercio.

Deste xeito, “queremos dar resposta a cada un dos 8.042 desempregados do noso municipio e reactivar o tecido económico apostando polo turismo, a cultura, o patrimonio e o benestar social como xeradores de emprego e desenvolvemento social”, subliñou a Alcaldesa, engadindo que Ana Prieto ten demostrado na súa actividade profesional a súa gran capacidade de xestión.

Medio Rural

Da Área de Medio Rural encargarase Miguel Fernández, que exercerá ademais de voceiro do Goberno municipal.

Dedicar unha concellería en exclusiva ao rural “demostra o especial impulso que lle queremos dar, tanto á dotación de servicios e infraestruturas rurais, como ao desenvolvemento económico das 54 parroquias lucenses”, recalcou a Alcaldesa. A simbiose entre a realidade rural e urbana será, segundo Méndez, “unha das nosas grandes liñas de traballo, xa que o rural é a nosa esencia e unha das grandes oportunidades para o municipio a nivel económico, social, cultural e turístico”.

“Miguel Fernández coñece moi ben o medio rural de Lugo, e moi pronto comprobarán a total dedicación que, por outra banda, xa hoxe lles presta aos seus veciños”, indicou.

Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua

A Área de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua terá a Carmen Basadre á fronte.

“Cando as cousas funcionan ben, hai que mantelas. Este é un exemplo”, apuntou a Alcaldesa. “A dilatada e recoñecida traxectoria de Carmen Basadre neste campo servirá de pulo para seguir potenciando a cultura como identidade e riqueza da nosa cidade, e un turismo cultural, gastronómico e accesible”. “Situaremos a Lugo como porta de entrada a Galicia do Camiño Primitivo de Santiago, como fórmula de estímulo da economía e do turismo lucense”. A través desta concellería “seguiremos ofrecendo alternativas de ocio para os máis novos e potenciaremos ademais a lingua galega de xeito transversal, non só no ámbito da administración municipal, senón tamén no falar cotiá da cidadanía”.

Deportes e Infraestruturas urbanas

Da Área de Deportes e Infraestruturas urbanas encargarase José Manuel Díaz Grandío.

Ademais das actividades, instalacións e equipamentos deportivos, “eido no que Grandío ten unha contrastada experiencia”, sinalou a Alcaldesa, esta Concellaría inclúe a xestión de todas as infraestructuras urbanas: iluminación, redes de auga potable..., e tamén, como novidade, o ciclo da auga. A ETAP e a EDAR son infraestructuras públicas municipais “cuxa xestión consideramos será máis eficaz enmarcada nesta concellería”, explicou. 

Benestar Social, Igualdade e Inclusión

A Área de Benestar Social, Igualdade e Inclusión estará dirixida por Ana María González Abelleira, outra persoa do equipo con experiencia neste eido. “Como nos comprometemos na campaña electoral, damos protagonismo ás accións en favor da inclusión social. A crise e os brutais recortes derivados dunha austeridade mal entendida provocaron unha desigualdade que fai necesario que dende a administración máis próxima aos veciños, dende o Concello, reforcemos as políticas para garantir a inclusión e a igualdade de oportunidades. Non sairemos da crise, ata que todos e cada un dos cidadáns o fagan”, subliñou a rexedora.

Desenvolvemento Sostible e Persoal

Na Área de Desenvolvemento Sostible e Persoal estará á fronte Daniel Piñeiro.

Desta concellería dependerá medio ambiente e urbanismo. “Cremos que a xestión urbanística debe estar unida ao medio ambiente para conseguir un crecemento equilibrado, racional e sostible. O perfil e traxectoria profesional de Daniel Piñeiro combina as facetas necesarias sacar adiante unha ordenación e xestión urbanística baseada na sostibilidade e na protección do medio ambiente”, asegurou Méndez.

Concello e Cidadanía

A Área de Concello e Cidadanía estará dirixida por Juan Carlos González Santín.

A participación e a comunicación directa cos cidadáns “é a esencia deste Goberno local, a nosa maneira de traballar; e esta Concellaría será o centro neurálxico que potenciará esa participación e garantirá a debida relación bidireccional da veciñanza co Concello e do Concello coa veciñanza”, explicou a rexedora. Desta área, “na que xa lles avanzo que terá novidades”, apuntou, dependen tamén educación, novas tecnoloxías e sanidade.

González Santín “coñece de primeira man o traballo da administración autonómica, e moitas das competencias son transversais entre o Concello e a Xunta. Ten ademais sensibilidade e compromiso cos incumprimentos da Xunta con esta cidade”, sinalou a Alcaldesa.

Audio

  • Declaracións da Alcaldesa durante a presentación da estructura do novo Goberno | Descargar mp3

Noticias relacionadas