A Alcaldesa pregoará as festas do seu barrio, A Milagrosa

Lara Méndez, Magín López e Miriam Souto presentaron o programa destes festexos, para todos os gustos e idades, que durarán 7 días. Arrincarán este xoves, ás 20:30 horas co pregón

A rexedora lembrou a implicación do Concello coa Milagrosa e a aposta pola calidade de vida da súa veciñanza con obras como a humanización da Praza Agro do Rolo e a peonalización do entorno da Praza

Luns, 28 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa pregoará as festas do seu barrio, A Milagrosa

O barrio da Milagrosa estará dende este xoves, 31 de agosto, e ata o mércores 6 de setembro en festas, e para a ocasión, para a súa apertura, as persoas responsables da organización destes festexos decidiron contar coa Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, como pregoeira. Así o deron a coñecer en rolda de prensa no Salón de Plenos este luns a propia rexedora, acompañada do presidente e da secretaria da asociación das festas deste barrio, Magín López e Miriam Souto, ademais doutros membros do colectivo.

No acto, Méndez amosouse orgullosa polo papel de inaugurar estes festexos senlleiros e agradeceulle á comisión organizadora a oportunidade de ser a pregoeira das festas do seu barrio e dunha cita que, despois de 55 anos "lonxe de ir perdendo, vai recuperando", converténdose en ineludible no calendario da cidade. Nesta liña, a Alcaldesa recoñeceu o gran labor das sete persoas organizadoras destas festas, "que creen firmemente no barrio" e a imprescindible colaboración dos veciños e veciñas.

Pola súa banda, López e Souto convidaron ao pobo de Lugo a participar no programa de 7 día de festas, que arrincarán este xoves, ás 20:30 co pregón na Praza da Milagrosa. Posteriormente haberá un recoñecemento para os veciños e veciñas máis maiores e para persoas empresarias e deportistas destacadas da zona. As festas da Milagrosa contan cun programa para todos os gustos e idades e combinan música, deporte, como unha xincana ciclista, xadrez e fútbol; unha concentración de coches, un desfile de moda, exhibición de baile e actividades infantís.

Implicación do Concello coa Milagrosa

Lara Méndez lembrou a implicación do Concello de Lugo coa Milagrosa, que ademais da colaboración coa organización de festas e eventos, aposta pola calidade de vida da súa veciñanza coa humanización da Praza Agro do Rolo, unha obra en execución cun orzamento de 223.000 euros, ou coa peonalización do entorno da Praza, unhas tarefas de 220.000 euros.

Audio

Noticias relacionadas