A Alcaldesa participou na Comisión Executiva do Eixo Atlántico, que aprobou o programa de actividades e o orzamento do 2016

“Buscamos sinerxias entre dúas rexións con problemáticas comúns, cohesionar o territorio e impulsar o crecemento socioeconómico dun xeito equilibrado e xusto”, subliñou Lara Méndez

Martes, 02 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
La Alcaldesa participó en la Comisión Ejecutiva del Eje Atlántico, que aprobó el programa de actividades y el presupuesto del 2016

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes na Cámara Municipal de Porto, en Portugal, na reunión da Comisión Executiva do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, na que quedou aprobado o programa de actividades e os orzamentos de 2016 desta asociación transfronteiriza creada no ano 1992 co apoio da Comisión Europea que integra ás principais cidades de Galicia e Norte de Portugal.

A rexedora destacou a importancia que ten para a cidade lucense formar parte do Eixo Atlántico co fin de “buscar sinerxias entre dúas rexións con iguais problemáticas, o mesmo denominador común, para cohesionar o territorio e impulsar o seu crecemento socioeconómico dun xeito equilibrado e xusto, sen dúas velocidades”. “Os problemas comúns precisan de solucións conxuntas”, asegurou Méndez, que exemplificou os froitos desas sinerxias na colaboración que manteñen Lugo e Braga para potenciar o seu pasado romano.

En canto á axenda do Eixo Atlántico para este ano, acordáronse medidas relacionadas coa mellora das comunicacións por estrada e de ferrocarril de mercancías, ademais de participar activamente no proceso de discusión do orzamento europeo 2020-2027 para garantir que se manteñan e incrementen os fondos para a cooperación e a política urbana; analizar e facilitar aos concellos os documentos máis relevantes da Comisión Europea; e organizar distintas actividades culturais, educativas, deportivas e de formación, como a designación da IV Capital da Cultura do Eixo, que recae en Matosinhos e Vila Real baixo a marca Do Douro ao Atlántico, a organización da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, unha mostra musical de mozos intérpretes, seminarios de intercambio de experiencias en materia de educación e de xestión e planificación de actividades deportivas ou xornadas de formación en administración electrónica e en xestión de fondos europeos. No eido turístico, a entidade organizará a 6ª feira turística Expocidades, editará unha nova guía turística e continuará impulsando a recuperación do Camiño de Santiago

O Eixo Atlántico conta no 2016 cun orzamento de 3 millóns de euros, que será abordado, igual que todos os asuntos tratados hoxe na Comisión Executiva na Asemblea Xeral que terá lugar neste mes.

Noticias relacionadas