A Alcaldesa participa no Consello Territorial da FEMP, que deu luz verde á xubilación dos policías locais a partir dos 59 anos

“Calquera medida relacionada coa mellora da administración local é positiva, pero debe ir acompañada de cambios lexislativos que permitan ás entidades locais xestionar de maneira máis efectiva”, asegurou Lara Méndez

Lara Méndez subliñou a necesidade de resolver o antes posible a convocatoria de fondos DUSI, outro dos asuntos abordados na xuntanza deste martes

Martes, 27 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa participa no Consello Territorial da FEMP, que deu luz verde á xubilación dos policías locais a partir dos 59 anos

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes na reunión do Consello Territorial da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que deu luz verde á xubilación dos policías locais entre os 59 e 62 anos, segundo a vida laboral de cada traballador. A FEMP pedirá unha reunión co Ministerio de Emprego e Seguridade Social para abordar canto antes as actuacións precisas de cara a permitir a xubilación anticipada dos axentes, realizando as entidades locais un esforzo económico dunha cotización adicional do 10,6% para todo o colectivo de policías locais en activo, soportando o 8,66% os concellos nas súas propias contas e o 1,76% os propios traballadores.

Así mesmo, a FEMP tratou o impacto na elaboración dos orzamentos das entidades locais derivado da posible prórroga orzamentaria do Estado. Nesta liña, a Federación acordou pedir a convocatoria de urxencia da Comisión Nacional da Administración Local para que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas aporte información ao respecto.

“Calquera medida relacionada coa mellora da administración local é positiva, pero debe ir acompañada de cambios lexislativos que permitan ás entidades locais xestionar de maneira máis efectiva, como poden ser cambios na limitación á contratación ou a propia regra de gasto”, asegurou a Alcaldesa.

Outro dos asuntos abordados foi a situación da convocatoria para a selección de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (DUSI) dos fondos FEDER, que debería estar resolta en maio. Neste senso, a rexedora lucense subliñou a necesidade de resolver o antes posible esta convocatoria para a cal o Concello pediu fondos co fin de desenvolver un ambicioso proxecto de 18,7 millóns de euros que integre o Miño na cidade a través da zona do Carmen.

Noticias relacionadas