A Alcaldesa participa na inauguración da nova sede de Norvento, que “naceu, medrou e se internacionalizou dende Lugo”

Luns, 19 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa participa na inauguración da nova sede de Norvento, que “naceu, medrou e se internacionalizou dende Lugo”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Mendez, participou este luns no acto de inauguración do Centro de Innovación Norvento Enerxía, a nova sede desta empresa lucense dedicada ás enerxías limpas, no polígono das Gándaras, un edificio desconectado da rede eléctrica e de gas, que se abastece da enerxía sostible que produce. No acto, Mendez puxo en valor que este proxecto empresarial, fundado hai 37 anos por Pablo e Marta Fernández Castro, “naceu, medrou e se internacionalizou dende Lugo”, o que pon de manifesto, “ademais da visión de futuro de Norvento, que a nosa cidade é atractiva e competitiva para emprender iniciativas empresariais innovadoras”. Norvento “coloca á nosa cidade como referente en xestión enerxética eficiente a nivel autonómico, nacional e europeo”.

Así mesmo, a rexedora destacou o compromiso do Concello que preside coa sostibilidade medioambiental, acción transversal “en todas as convocatorias de fondos europeos ás que concorremos”, entre as que destacou o programa Life, Lugo+Biodinámico, especificamente destinado a impulsar o desenvolvemento urbanístico sostible da cidade e a introducir un novo modelo produtivo impulsando a madeira como material constructivo. De feito, “nuns meses, este edificio CINE terá a poucos metros de aquí un veciño irmán”, sinalou a Alcaldesa, aludindo ao centro que prevé construír o Concello no marco do Life tamén con consumo enerxético cero.

Na inauguración participaron xunto a Lara Méndez, entre outras autoridades, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o Comisario Europeo de Acción polo Clima e Enerxía, Miguel Arias Cañete.

Noticias relacionadas