A Alcaldesa participa na homenaxe de Lugo a Medicina Interna do HULA polo premio como mellor de España

Venres, 19 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa participa na homenaxe de Lugo a Medicina Interna do HULA polo premio como mellor de España

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este venres no Vello Cárcere na homenaxe da cidade ao servizo de Medicina Interna do HULA por ter sido recoñecido co premio Best in Class como o mellor de España na súa categoría. Este galardón, organizado dende o ano 2012 por Gaceta Médica –cabeceira do grupo de comunicación Wecare-u- e a cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos, recoñece a excelencia na atención aos pacientes que prestan centros hospitalarios e servizos, unidades e centros de Atención Primaria de toda España, tanto públicos, como privados.

A rexedora transmitiu os parabéns, afecto e admiración da veciñanza lucense a todo o persoal de Medicina Interna, un equipo formado por 127 persoas, e en xeral a toda a plantilla do HULA, pois se ben Medicina Interna acadou o premio na edición do 2017, outros servizos como Oncoloxía e Cardioloxía quedaron varios anos finalistas nestes galardóns.

Méndez puxo así mesmo en valor o “gran traballo que o persoal sanitario e todo o persoal do hospital fai día tras día para coidar e mellorar a nosa saúde, un traballo vocacional, discreto, fundamental para a nosa calidade de vida”, e reivindicou a necesidade de potenciar a sanidade pública, universal e gratuíta.

No acto celebrado no Vello Cárcere participaron xunto á Alcaldesa, o xerente do HULA, Ramón Ares, a supervisora de Enfermería de Medicina Interna, Rosa Quiroga, o primeiro xefe do servizo, Albino Pérez, e o actual xefe do departamento, Emilio Casariego.

Noticias relacionadas