A Alcaldesa participa na Comisión de Seguridade e Convivencia Cidadá da FEMP, que abordou o plan de actuacións para este ano

Mércores, 24 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa participa na Comisión de Seguridade e Convivencia Cidadá da FEMP, que abordou o plan de actuacións para este ano

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este mércores na reunión de constitución da Comisión de Seguridade e Convivencia Cidadá da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), órgano de traballo do que forma parte xunto con outros 24 rexedores de toda España. O obxectivo desta “primeira toma de contacto” foi, segundo explicou Méndez á saída da xuntanza, “ver o punto de partida, analizar o traballo realizado nos últimos catro anos e comezar a marcar as prioridades e obxectivos para esta nova lexislatura”.

Neste senso, ademais de abordar o calendario de reunións para este 2016 e a memoria de xestión do 2011-2015, a Comisión de Seguridade debateu o plan de actuacións para este ano, un total de 25 liñas de actuación, entre as que destacan o desenvolvemento e posta en marcha do convenio sobre o sistema de alertas por desaparición de menores; continuar a colaboración coa Secretaría de Estado de Seguridade para a implantación de medidas que palíen o incremento de roubos e furtos de cable de cobre; a vixilancia, presencia activa e control coordinado entre as distintas forzas de seguridade das zonas de ocio onde se produce o fenómeno do botellón; fomentar a colaboración co Ministerio de Interior na loita contra a violencia machista e promover o acceso fluído das Policías Locais aos sistema de seguimento integral da violencia de xénero; e artellar protocolos de intervención conxuntos do Ministerio de Interior e a FEMP en materia de absentismo escolar, ademais de continuar a colaboración co Plan Director de Seguridade Escolar e o Programa Agente Tutor.

A Alcaldesa de Lugo forma parte do Consello Territorial da FEMP, o órgano de máxima autoridade que transcorre entre a celebración dos Plenos Ordinarios da FEMP. Formado polo presidente e vicepresidente da Xunta de Goberno e 61 membros elixidos polo Pleno, de entre os socios titulares, e o presidente e outro representante das federacións de ámbito regional, reúnese en sesión ordinaria unha vez cada catro meses.

Noticias relacionadas