A Alcaldesa participa na clausura do I Congreso de UGT Lugo, Lemos e Costa Lucense

Lara Méndez destacou que o movemento sindical obreiro foi quen de conseguir grandes fitos nesta sociedade, como son a extensión do sufraxio, os dereitos civís ou o nacemento dos dereitos sociais

Martes, 20 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa participa na clausura do I Congreso de UGT Lugo, Lemos e Costa Lucense

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes no I Congreso de UGT Lugo, Lemos e Costa Lucense, onde este sindicato pasou a constituírse como unha soa delegación. Neste acto a Alcaldesa felicitou a todos e cada un dos sindicalistas presentes polo seu labor, especialmente nestes momentos onde se cuestionan os avances laborais logrados grazas aos sindicatos.

A rexedora tamén destacou “o papel do sindicato UGT e do movemento sindical obreiro, que foi quen de conseguir grandes fitos nesta sociedade, como son a extensión do sufraxio, os dereitos civís  ou o nacemento dos dereitos sociais”.

Ante os representantes de todas as federacións deste sindicato na provincia de Lugo, a Alcaldesa fixo mención a que, “cada vez neste país hai menos sindicalistas porque, por desgraza, hai menos traballadores, o que está a provocar un cambio nas formulacións dos sindicatos en xeral, da UGT, en particular, no senso de ter que atopar unha resposta que cambie o modelo produtivo, para tratar de que máis persoas accedan a un emprego”.

Lara Méndez amosou a estreita colaboración mutua que debe existir cos sindicatos para acadar un clima laboral máis igualitario do que hai actualmente, indicando que “é obrigación duns e doutros tentar de equipararnos a países da nosa contorna, onde a taxa de afiliación sindical alcanza cotas de ata un 67%, caso de Finlandia ou Suecia, estando a do noso país entorno a un 17%”.

A rexedora lucense rematou a súa intervención agradecendo a invitación a este congreso e reclamando, de novo, a loita en puntos inflexibles como son a conciliación da vida laboral, unha negociación colectiva digna, a nulidade de despedimentos improcedentes ou a mellora do emprego xuvenil, entre outros.

Multimedia

  • A Alcaldesa participa na clausura do I Congreso de UGT Lugo, Lemos e Costa Lucense

Noticias relacionadas