A Alcaldesa: “O Fluvial foi visionario, entendeu que Lugo ten que vivir cara o Miño. O Concello seguirá por esa senda co DUSI”

Lara Méndez participou na inauguración das novas instalacións do club, do que destacou o seu peso social –é o terceiro de Galicia en socios- e deportivo, tanto na práctica de base como de elite

Xoves, 09 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa: “O Fluvial foi visionario, entendeu que Lugo ten que vivir cara o Miño. O Concello seguirá por esa senda co DUSI”

“O Club Fluvial foi visionario. Entendeu que Lugo ten que vivir cara o río Miño. O Concello seguirá por esa senda coa estratexia DUSI, que nos permitirá continuar integrando o río na cidade”. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo estas declaracións no concorrido acto de inauguración das novas instalacións do Fluvial, ao que acudiron, entre outras autoridades, o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o presidente do Consello Superior de Deportes, José Ramón Lete Lasa, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, co presidente do club, Tito Valledor, de anfitrión.

A rexedora incidiu na “visión de futuro” coa que naceu o Club Fluvial no ano 1935 como Centro de Iniciativas Turísticas, anticipando xa “que ía ser un motor económico importante na cidade”.

Méndez destacou o peso deportivo desta entidade, tanto no referido ao deporte base, “que dende o Concello cremos fundamental porque inculca valores e axuda no crecemento persoal dos rapaces e rapazas”, como no de elite, con referentes como Ramos Misioné, Cristian Toro, “e todos os que virán, que estou segura de que serán moitos”.

Así mesmo, a Alcaldesa aludiu ao peso social do club, con 15.200 socios é “o primeiro de Lugo e o terceiro de Galicia” en masa social, despois do Deportivo da Coruña e o Celta de Vigo, e que atrae a centos de familias “que cada verán veñen a estas instalacións para pasar a tarde ou o día cos nenos e nenas”.

A inauguración das novas instalacións do Fluvial “marca un fito”, asegurou Lara Méndez: “Nos pouco máis de dous anos” da actual directiva “fixestes un salto cuantitativo que marcará un antes e un despois no club, e polo tanto na cidade de Lugo”.

Noticias relacionadas