A Alcaldesa logra o compromiso dunha reunión a tres bandas con ADIF e Xunta este mesmo mes para impulsar a Intermodal

Lara Méndez cualifica de fructífera a xuntanza en Madrid co presidente de Adif para desbloquear a Estación Intermodal, “o único que nos garante que o AVE chegue a Lugo e, con elo, o desenvolvemento social e económico da nosa cidade”

Sobre o remate dos estudos previos: “A Xunta xa empeza a falar de investimentos, de partidas presupostarias, e iso é o que necesitamos, compromisos orzamentarios para poder materializar este gran proxecto que é a Intermodal”

Luns, 08 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa logra o compromiso dunha reunión a tres bandas con ADIF e Xunta este mesmo mes para impulsar a Intermodal

A Alcaldesa, Lara Méndez, logrou na reunión que mantivo esta mañá en Madrid co presidente de ADIF, Juan Bravo, o compromiso dunha nova xuntanza este mesmo mes, en concreto na semana do 22 de xaneiro, a tres bandas –Adif, Xunta e Concello- para impulsar a construción dunha Estación Intermodal en Lugo, a única das grandes cidades galegas para a que nin nos orzamentos autonómicos nin nos estatais se contemplan a día de hoxe fondos para poñer en marcha unha infraestrutura deste tipo.

Na nova xuntanza a celebrar antes de finalizar o mes participarán técnicos das tres administracións co fin de “avanzar no proxecto da Intermodal, o único que nos garante que o AVE chegue a Lugo e, deste xeito, dispoñer de infraestruturas ferroviarias modernas que nos comuniquen co resto de Galicia e da Meseta, que vertebren o territorio, impulsen o desenvolvemento social e económico da nosa cidade e nos fagan, en definitiva, cidadáns de primeira, como se merecen os lucenses”.

Deu froitos mesmo antes de comezar

Méndez cualificou deste xeito de “fructífero” o encontro co presidente de Adif, no que tamén participou a directora xeral de Explotación e Construción desta entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Fomento, un encontro que se celebrou tras a petición realizada pola rexedora a finais do pasado mes de maio. “Xa antes de comezar deu os seus froitos, polo que cabe esperar que empecemos a materializar este proxecto de maneira inmediata. E dígoo porque de camiño a Madrid soubemos que a Xunta xa empeza a falar de investimentos, de partidas presupostarias, e iso é o que necesitamos, compromisos orzamentarios para poder materializar este gran proxecto que é a Intermodal para Lugo”, subliñou a Alcaldesa en referencia ao anuncio da Xunta desta mañá sobre o remate dos estudos previos da Estación, para a que dixo estimar necesario un investimento de 6,5M€.

“O maior sorprendido incluso” por esta nova dada pola Xunta, explicou Lara Méndez, “ata foi o propio presidente de ADIF. “Isto é o inicio para seguir avanzando neste  compromiso que queremos os lucenses, polo que xa cerramos unha reunión dende o punto de vista técnico entre as tres administracións na semana do 22 de xaneiro”, engadiu a rexedora.

Audio

  •  Lara Méndez, a reunión a tres bandas con ADIF | Descargar mp3

Noticias relacionadas