A Alcaldesa ingresa na comisión executiva do Eixo Atlántico

A asemblea da entidade interrexional celebrada hoxe na localidade portuguesa de Maia elixiu aos novos membros do órgano directivo

Venres, 23 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entrará a formar parte da comisión executiva do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, tal e como decidiu a asemblea xeral do organismo interrexional celebrada este venres na localidade portuguesa de Maia. Deste xeito, a rexedora ingresa no órgano de dirección e toma de decisións do Eixo, tamén integrado por Alfredo García, Alcalde do Barco de Valdeorras e presidente do Eixo, Abel Caballero, Alcalde de Vigo, Miguel Anxo Fernandez Lores, de Pontevedra, Xulio Ferreiro, da Coruña, e Jesús Vázquez, de Ourense.

A asemblea celebrada hoxe, á que asistiu por parte do Concello lucense o voceiro municipal, Miguel Fernández, aprobou un segundo paquete de infraestruturas ferroviarias para negociar cos gobernos que complemente a liña do Miño xa en obras ou en proceso de contratación con prazo de finalización a finais de 2019 e as conexións pendentes na parte galega. Este segundo paquete inclúe a conexión Ferrol A Coruña, a máis atrasada e con peores perspectivas de todo o eixo atlántico ferroviario e as conexións ferroviarias dos portos, como eixes principais en Galicia que complementen a saída sur de Vigo e a “T deitada”, Ourense-Lugo, Monforte-Palencia, sobre os cales xa vén traballando con ambos os ministerios desde fai máis dun ano.

No caso concreto do tramo Ourense-Lugo e unha vez que xa están en curso os procedementos para a súa electrificación e supresión de pasos a niveis, así como que en breve se abrirá ao servizo a variante da Pobra de San Xiao, exporase ao Goberno as variantes de Monforte Rubián e Os Peares, sen as cales non haberá mellora dos tempos.

Noticias relacionadas