A Alcaldesa informa da saída a contratación do novo parking público e gratuíto do HULA, que estará rematado en 5 meses

A Xunta de Goberno aprobará o mércores o inicio do procedemento para adxudicar unhas obras “coas que cumprimos unha gran demanda veciñal”. Cun orzamento de 119.000€, o proxecto servirá para acondicionar unha parcela de 12.200m2 con capacidade para o estacionamento de 363 vehículos

Entre a reordenación das prazas da estrada que circunda o centro hospitalario e este novo aparcadoiro, o Goberno creará só neste mandato 513 novas prazas gratuítas no entorno do HULA

A Xunta segue sen facer gratuítas e nin sequera reduce as elevadísimas tarifas do parking privado, “a pesar de que existe un acordo plenario unánime ao respecto e cando os terreos nos que está situado foron adquiridos pola veciñanza de Lugo a Defensa cun grandísimo esforzo”

Luns, 14 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa informa da saída a contratación do novo parking público e gratuíto do HULA, que estará rematado en 5 meses

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, informou de que a Xunta de Goberno aprobará na reunión deste mércores o inicio do procedemento de contratación das obras de acondicionamento da parcela municipal situada en fronte ao HULA como aparcamento público e gratuíto, con capacidade para 363 vehículos. Fíxoo este luns nunha comparecencia pública xunto á propia finca ante un grupo de veciños e veciñas, aos que explicou que, entre o procedemento de adxudicación e o de execución das obras, o prazo estimado para a posta en marcha do estacionamento é duns 5 meses, esto é, en outono.

Despois de reaxustar o proxecto técnico, recibir o visto bo da Comisión de Patrimonio da Xunta, preceptivo por existir na parcela unha necrópole megalítica, e contar con consignación económica tras a necesaria aprobación da liquidación do Orzamento do pasado ano, a Xunta de Goberno dará o visto bo o mércores á licitación das obras, coas que “cumprimos unha gran demanda veciñal”, subliñou a rexedora. Tras a súa publicación no Perfil do Contratante, na web do Concello -www.lugo.gal-, as empresas interesadas terán 20 días naturais para presentar oferta.

O traballos teñen un orzamento de 119.000€ e un prazo de execución de 3 meses. Dos 25.000 ms2 de parcela municipal, adecuaranse como aparcamento 12.200, que terán capacidade para 363 vehículos. Os traballos precisos consisten no movemento de terras para a explanación e nivelación do terreo, que se cubrirá con zahorra, e a instalación dun peche perimental vexetal de tulla. Así mesmo, protexerase a mámoa cun peche de madeira, formado por postes  verticais unidos por elementos horizontais tamén de madeira, formando dúas barandillas a distintas alturas, a 5 metros de distancia dos restos arqueolóxicos. As actuacións levarán aparellado un control arqueolóxico na parcela.

O novo aparcadoiro público e gratuíto en fronte ao HULA complementa a ampliación das prazas que xa fixo o Goberno no 2016 coa reordenación do estacionamento na estrada que circunda o centro hospitalario. Con ambas actuacións, crearanse só neste mandato 513 novas prazas de balde, o que contribuirá a “paliar os problemas de aparcamento existentes” que se encontran os usuarios do hospital, entre 3.000 e 4.000 persoas ao día, subliñou a Alcaldesa.

Este proxecto responde a “unha necesidade social”, e tamén ao modelo de cidade do Goberno de Lara Méndez, “unha cidade con máis espazos públicos para uso público, sobre todo tendo en conta por que vimos a este centro hospitalario, normalmente por obriga e cando temos un problema, polo tanto, o que menos nos ten que preocupar é buscar onde aparcar e ter un estacionamento gratuíto”.

A rexedora destacou que esta actuación é posible “grazas ao esforzo do Goberno por buscar financiamento, pois, só con vontade, sen orzamento, non temos capacidade de satisfacer as demandas que nos veñen facendo os veciños e veciñas”.

Neste senso, Lara Méndez lembrou que, mentres o Goberno local cumpre coa palabra dada, a Xunta non o fai, ao seguir sen facer gratuítas, ou sequera reducir as “elevadísimas” tarifas do parking privado, a pesar de que existe un acordo plenario unánime ao respecto e cando os terreos nos que está situado foron adquiridos pola veciñanza de Lugo ao Ministerio de Defensa “cun grandísimo esforzo”.

A Alcaldesa tamén reiterou a demanda que sigue tendo pendente a Xunta de dotar de Hemodinámica 24 horas ao hospital: “Déronse pasos grazas á presión social, pero non é suficiente, o servizo ten que prestarse as 24 horas”.

Noticias relacionadas