A Alcaldesa: “Este foi un San Froilán para enmarcar”

O multitudinario concerto de Los Secretos, cunhas 10.000 persoas, “puxo o broche de ouro” a unhas festas “moi participativas, nas que a xente, tanto veciños como visitantes, saíron á rúa para gozar da cidade e dunha ampla programación con 200 actividades para todos os gustos”

Preto de 10.000 persoas pasaron pola Oficina Municipal de Turismo e a caseta informativa instalada polo Concello na Praza Maior

Lara Méndez convidou a seguir gozando durante a fin de semana do feiral, que ofrece descontos nos carruseis infantís, así como das casetas do polbo, que continuarán abertas ata o 1 de novembro

Venres, 13 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asegurou que as do San Froilán 2017 foron unhas “festas para enmarcar” pola “altísima participación” rexistrada e o “gran ambiente e animación vivido nas rúas”. O multitudinario concerto de Los Secretos, cunhas 10.000 persoas, segundo as estimacións de Protección Civil, “puxo o xoves o broche de ouro espectacular” a nove días de festas, nas que “a xente, tanto os lucenses, como os miles de visitantes que se achegaron a Lugo, foron os grandes protagonistas, e, por suposto co bo tempo como aliado, saíron á rúa para gozar da cidade, de todos os seus recunchos, e dunha ampla programación con 200 actividades para todos os gustos e todos os públicos. Foras por onde foras, a cidade estaba a desbordar”.

Aínda que, tal e como explicou Méndez, a cuantificación das persoas que pasaron polo San Froilán “é moi difícil de facer, precisamente porque foron moitos días e houbo xente por toda a cidade”, tanto os datos oficiais da Oficina Municipal de Turismo e da caseta informativa que instalou o Concello na Praza Maior, que atenderon a preto de 10.000 persoas, como a ocupación hotaleira ofrecida pola APEHL, de entorno ao 90%, amosan o éxito de participación da festas.

Así mesmo, foi moi representativa da gran asistencia a afluencia rexistrada no concerto de Los Secretos, pero tamén nas actuacións de Treixadura, Iván Ferreiro, Egdar Bao, John Nemeth, Abraham Cupeiro, La Duendeneta, Sés ou Rosa Cedrón, entre outras, e as longas colas que puideron verse nas casetas do polbo.

A Alcaldesa destacou o ambiente e animación vividos no recinto feiral, así como en eventos como o propio pregón de Marica Campo, o Desfile de Gando, o Día de Ferrol, o Domingo das Mozas coa “emotiva ofrenda de Noemi Mazoi”, o Día do Maior, os actos do Camiño e os Dereitos Humanos, ou a Volta ao Medievo, a feira medieval que “cumpriu esta ano a súa maioría de idade”.

Xunto á “xa mítica frase na que Cunqueiro cualificou as nosas festas como as máis bonitas do outono galego, gustaríame acuñar a que dixo Marica Campo no pregón: o San Froilán é o conxuro do outono para poder pasar o inverno”, asegurou a Alcaldesa.

Méndez expresou o seu agradecemento e o de toda a Corporación “ás miles de persoas que nos visitaron estes días”, e a todas aquelas que “fan que o San Froilán sexa o que é”, e convidou a seguir gozando esta fin de semana do feiral, que ofrecerá descontos nos carruseis infantís, coas entradas a 2 euros, así como das casetas do polbo, que continuarán abertas ata o 1 de novembro.

Audio

Noticias relacionadas