A Alcaldesa: “Este ano puxemos os cimentos do Lugo do futuro, que comezará a cristalizar co Orzamento 2018”

Lara Méndez subliñou no Debate do Estado da Cidade que o presuposto do vindeiro ano “é o máis ilusionante posible e sobre todo o único que dá sentido a todo o traballo feito, pois vainos permitir plasmar en realidades o noso modelo de cidade, coa persoa como protagonista de toda acción municipal”

O Orzamento contempla propostas con respaldo ben social, ben plenario, como é o caso das recollidas no Plan de Barrios, polo que fixo un chamamento á responsabilidade da oposición: “Non se pode propoñer e á vez bloquear os instrumentos para que se fagan realidade as ideas”

“Estamos decididos a aprobar os Orzamentos e non escondo nada. Se o xoves non saen adiante, sometereinos a unha cuestión de confianza. É a miña obriga coa veciñanza, coas forzas sociais e económicas, co resto da Corporación e cos traballadores municipais”

O 2017 foi o ano da solución para o equipamento do novo auditorio e a revitalización da Tinería, a inauguración do Vello Cárcere, o Edificio de Novas Tecnoloxías e Agro do Rolo, o inicio do EDUSI, a eliminación do tapón da Avenida da Coruña, a rede de calor de Frigsa, e o deseño dos aparcadoiros disuasorios e do entorno do HULA, e da humanización de Quiroga Ballesteros

Méndez reivindicou a necesidade de recuperar a autonomía local: “Non podemos seguir con esta lei do funil, segundo a que os concellos xestionamos un elevadísimo número de problemas, pero non temos nin recursos nin autonomía para solucionalos”

Martes, 19 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa: “Este ano puxemos os cimentos do Lugo do futuro, que comezará a cristalizar co Orzamento 2018”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu este martes o Pleno de Debate do Estado da Cidade, durante o que subliñou que neste 2017, “un ano de duro traballo, difícil, mesmo de transición, xestionamos con moito pouco os cimentos do Lugo do futuro, do Lugo do 2027, que comezará a cristalizar cos Orzamentos do vindeiro ano”.

Con respecto ao exercizo que está a piques de rematar, Méndez, que plantexou a sesión plenaria como “un espazo para informar á veciñanza”, destacou o logro dunha solución para dotar de equipamento ao novo auditorio, a través da exención do IBI á Xunta durante seis anos, a “saída menos mala”, tras a negativa do Goberno galego de achegar o financiamento como lle correspondía; a inauguración do Vello Cárcere, que “está sendo o centro cultural de referencia de Lugo”, e do Edificio de Novas Tecnoloxías, “ao que un goteo constante de xente se achega a utilizar de maneira gratuíta os ordenadores ou a biblioteca”; a reforma de Agro do Rolo, “unha das que máis vida é capaz de congregar”; os cambios viarios para calmar o tráfico; a elaboración da candidatura para conseguir a Área de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) para a Milagrosa; a preparación dos pregos para licitar o programa europeo Smart City, que permitirá dar un salto ao Concello na implantación da administración electrónica e na xestión intelixente de servizos públicos municipais; o lanzamento de novas empresas a través do plan de apoio gratuíto ao emprendemento Inicia Coworking, que desenvolven Concello e Escola de Organización Industrial; e o impulso á revitalización socioeconómica do barrio da Tinería coa futura creación nos locais comerciais do IGVS dun viveiro de empresas xestionado polo CEI Nodus.

Ao igual que no equipamento do novo auditorio, no caso da Tinería, apuntou a rexedora, “demos un paso á fronte para buscar solucións ante outro dos problemas que tiña a cidade, como é a depresión deste barrio, e non quedarnos só na crítica”.

Políticas sociais, a prioridade

Ao mesmo tempo, afirmou a Alcaldesa, o Goberno local mantivo as políticas sociais como prioridade”, aínda “sendo moi custoso en termos económicos” e tratándose ademais de “competencias impropias”. Tamén sostivo a aposta polo turismo, “que volveu a ter outro ano de récord”. Neste ámbito, “hai moito traballo feito, pero tamén hai moitas ideas boas que plasmar, como a que xurdiu en Pleno de tentar conseguir que todo o casco histórico sexa declarado Patrimonio da Humanidade ou o recoñecemento como cidade creativa da gastronomía”.

Modificacións de crédito

Neste ano que remata, e ante a imposibilidade de contar con orzamento, o Goberno prorrogou o de 2016 e sacou adiante unha modificación de crédito por importe de 6M€ “que nos permitiu facer realidade parte do deseñado no ano e medio anterior”, como, por exemplo, a adxudicación da redacción dos cinco primeiros proxectos do EDUSI –Muramiñae, da Muralla ao Miño-, a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña, a instalación da rede de calor con biomasa en Frigsa, o deseño dos aparcadoiros disuasorios e do entorno do HULA, ou o deseño da peonalización e cuberta da rúa Quiroga Ballesteros.

Orzamento 2018

A rexedora subliñou que, nada máis aprobar esta modificación de crédito, o Goberno iniciou a redacción do Orzamento do 2018, baseado nas mesmas liñas estratéxicas que o de 2017 e que, polo tanto, “se non foi a Pleno en setembro foi porque non tiñamos o Plan Económico Financeiro”, unha obriga tras incumprir a “arbitraria” Regra de Gasto imposta polo Goberno do PP no Estado por pagar as expropiacións do Carme. “Volvería a facelo”, subliñou, “gobernar é iso, tomar decisións, aínda que as consecuencias sexan facer un Plan Financeiro”. Foi este documento o que marcou os prazos de tramitación do Orzamento, engadiu, porque neste é onde se marca o teito de gasto para o vindeiro exercizo.

A Alcaldesa lembrou que o presuposto, o máis investidor dos últimos anos e que dedica unha cuarta parte a políticas sociais acadando a débeda cero, recolle propostas con respaldo, ben social, ben plenario, como por exemplo o Plan de Barrios, os Orzamentos Participativos, a ampliación do parque infantil de Campo Castelo, o remate da biblioteca da Piringalla, a peonalización da Calzada Romana, a descontaminación dos solos do Carme ou a convivencia modal das bicicletas.

Deste xeito, Lara Méndez fixo un chamamento á responsabilidade da oposición para sacar adiante as contas: “Non se propoñer e á vez bloquear os instrumentos para que se fagan realidade as ideas”. “Entendo o que é a oposición. Entendo que se critique e que se sexa duro nos fallos do Goberno e á vez propositivo para mellorar o que nos une: a cidade. Pero o que non entendo e, seguro que non o entenden os cidadáns, é que un grupo propoña o arranxo dunha rúa, unha política social, unha humanización, unha adhesión a unha rede de concellos, etc, e despois, cando se orzamenta para facer realidade, se vote en contra”.

Como mostra puxo o Plan de Barrios, “o instrumento para dar cabida a numerosas propostas plenarias de consenso, mesmo que gozan de unanimidade e ademais aquelas obras que nos recomenda o servizo de Enxeñería municipal, coñecedor da realidade das infraestruturas”.

Tamén aludiu á necesidade de sacar adiante o presuposto porque do contrario, ao non achegar a parte municipal, pérdense os fondos da Unión Europea.

Trátase do “Orzamento máis ilusionante posible e, sobre todo, do único que dá sentido a todo o traballo realizado, pois é o que nos vai permitir plasmar en realidades os proxectos que temos. E digo temos, porque moitos son proxectos, non son de Goberno, son da Corporación. Son da cidade”. Son unhas contas “que reflicten a continuidade por un modelo de cidade polo que apostamos nestes dous anos e medio de Goberno, que pon ás persoas como protagonistas de calquera acción municipal, no que o investimento na persoa e nas súas necesidades é a prioridade sobre calquera outra consideración”.

Por iso, “estamos decididos a aprobalo. Por todos os medios que poidamos. E non escondo nada: se o vindeiro xoves non sae adiante, sometereino a unha cuestión de confianza e tiraremos para adiante, asumindo todos os riscos. Pero non podo facer outra cousa. É a miña obriga como Alcaldes cos veciños, que precisan de obras que melloren a súa cidade; coas asociacións, colexios, clubs deportivos e o resto da sociedade civil, que dinamizan moito con moi pouco; co resto da poboación, xa que é a única forma de executar as propostas de consenso; e cos empregados municipais, que nos axudaron co seu traballo e intelixencia a conseguir os fondos europeos”.

“Temos na nosa man a ocasión de ser útiles á nosa cidade. Imos ter, por primeira vez en tempo, diñeiro suficiente para continuar ca transformación de Lugo, e iso é altamente ilusionante”.

A negatividade da oposición

Neste senso, Lara Méndez asegurou ter “unha visión sumamente positiva de Lugo de cara ao futuro inmediato”, polo que “me doe ver como Alcaldesa a negatividade que hai de cara a cidade” entre os grupos da Corporación “convertendo cousas boas en negativas e sen valorar o que temos, e dicindo que non facemos nada”. “Esa negatividade fai dano, non ao Goberno, que o temos asumido, senón á cidade e á cidadenía”, inidicou.

Con respecto aos contratos, a Alcaldesa lembrou que o compromiso do Goberno é telos todos actualizados antes de finalizar o mandato e sobre o Período Medio de Pago detallou que o atraso é un problema coxuntural que se debe á acumulación de facturas eléctricas, á exhaustividade coas que se revisan e á falta de persoal para facelo. Sen estas nóminas, o prazo de abono aos provedores é de catro días.

A Alcaldesa reiterou que comezou o mandato na procura de financiamento para materializar o seu modelo de cidade, baseado na dotación de servizos, a humanización de espazos e a mellora da mobilidade, e agora precisa “dos instrumentos necesarios” para investir eses fondos acadados, esto é, os Orzamentos.

“A autonomía municipal non existe”

Méndez recalcou que o Goberno ten que desenvolver toda esta xestión municipal nun contexto “que nunca foi máis complicado polos límites arbitrarios que nos impoñen desde o Goberno do PP aos concellos, como a liña imaxinaria do teito de gasto ou a taxa de reposición de efectivos. Unha das grandes verdades que aprendín neste tempo é que a autonomía municipal non existe. Tes autonomía mentres sigas o ditado do Goberno”.

A Alcaldesa reivindicou a necesidade de acabar “con esta lei do funil, que sofren todos os concellos, tamén os do PP, segundo a que as administracións locais xestionamos un elevadísimo número de problemas, pero non temos nin recursos nin autonomía plena para solucionalos”, cando por riba “somos a administración coa máxima proximidade ao cidadán. Somos os que máis problemas cidadáns ten enriba da mesa e os que menos instrumentos temos para resolvelos. E á xente dálle igual quen teña as competencias, se hai ou non persoal ou se existe regra de gasto, o que quere é solucións aos problemas”.

Audios

Noticias relacionadas