A Alcaldesa escoita as propostas dos grupos municipais para mellorar o servizo de bus urbano

O Concello busca adaptar este servizo á realidade actual da cidade así como fomentar o uso do transporte público, liñas de actuación que compartiron as diferentes forzas políticas e ás cales foron encamiñadas as súas propostas

Venres, 10 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa escoita as propostas dos grupos municipais para mellorar o servizo de bus urbano

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convocou este venres aos voceiros de todos os grupos políticos da Corporación Municipal para escoitar e recoller as súas propostas e opinións co fin de mellorar o servizo de bus urbano, nunha xuntanza que a propia rexedora definiu como productiva. Méndez cumpre así co que se comprometera no momento da presentación da campaña de participación Móvete por Lugo, posta en marcha polo Concello aproveitando a nova concesión do servizo público de transporte de viaxeiros e durante a que a Alcaldesa escoitou a opinión, as propostas e as suxestións dos veciños e veciñas do municipio en 12 xuntanzas por distintos barrios da cidade e parroquias. Recolléronse tamén propostas a través do enderezo electrónico ou outros medios como o 010 ou o Rexistro ordinario.

Con esta campaña, o Concello busca adaptar á realidade social e económica actual da cidade o bus urbano, así como fomentar o uso do transporte público na vida diaria dos lucenses, “no marco do noso modelo de cidade, dirixido a potenciar o protagonismo do peón, o que converterá a Lugo nunha cidade máis cómoda e accesible para as persoas”, tal e como subliñou Méndez. Nestas dúas liñas, expostas pola Alcaldesa no momento do inicio desta campaña e compartidas polo resto da Corporación, foron encamiñadas as propostas dos diferentes grupos, que pediron mellorar os horarios e as conexións, así como fomentar o bus a través dunha tarifa plana, da gratuidade dos billetes para menores de 18 anos ou de bonificacións de impostos.

En base a todas as aportacións que chegan á entidade local e tras estudar a viabilidade das propostas, o Concello porá en marcha o novo servizo de transporte público de viaxeiros, o máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España.

Noticias relacionadas