A Alcaldesa e o Presidente da Xunta reuniranse o luns

No encontro, que terá lugar ás 12.00 horas en San Caetano, Lara Méndez plantexará a Feijóo “as prioridades, demandas e proxectos necesarios para garantir o benestar dos lucenses e o desenvolvemento económico do municipio”

A dotación de servizos ao HULA e o barrio da Residencia, prazas públicas de residencia, centros de día e escolas infantís, o Museo da Romanización ou a intermodal son algunhas das cuestións fundamentais que a rexedora exporá

Martes, 28 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manterán un encontro o vindeiro luns, 3 de agosto, ás 12.00 horas, en San Caetano. O titular do Goberno galego respondeu este martes á solicitude de entrevista que a rexedora lle enviou o 13 de xullo.

No encontro, Lara Méndez formularalle a Núñez Feijóo “as prioridades, demandas e proxectos necesarios para garantir o benestar dos lucenses e o desenvolvemento socioeconómico do noso municipio”.

Entre os temas fundamentais “e pendentes con Lugo” que a Alcaldesa lle exporá están a dotación dos servizos de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear ao HULA, a rehabilitación do Cuartel de San Fernando e a súa conversión en Museo da Romanización, a construcción da Ronda Leste, a dotación de servizos ao barrio da Residencia, prazas públicas de residencia e centro de día para os maiores, prazas públicas de gardería, o mantemento da escola infantil do barrio do Sagrado Corazón, as obras do novo auditorio, a construcción da estación intermodal, a execución do Plan Paradai, a continuidade do plan de rehabilitación de vivendas na Tinería, a posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo -recén declarado Patrimonio da Humanidade-, ou as competencias en materia de servizos sociais.

Méndez confía en que Núñez Feijóo “comparta comigo a vontade de manter un diálogo institucional aberto e fluído en beneficio dos cidadáns, aos que nos debemos por riba de todo”.

Noticias relacionadas