A Alcaldesa e o Concelleiro de Educación entregan os premios do XXIII Certame Trapero Pardo do Concello

Xoves, 15 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa e o Concelleiro de Educación entregan os premios do XXIII Certame Trapero Pardo do Concello

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, xunto a un dos membros do xurado, Xosé Manuel Castro, profesor do IES Ánxel Fole, fixeron entrega este xoves no Salón de Plenos dos premios do XXIII Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo convocado polo Concello, no que poden participar todos os rapaces e rapazas de 12 a 18 anos de calquera centro educativo de ensino non universitario da provincia de Lugo.

Tanto a rexedora, como o edil, deron os parabéns a todos os participantes nesta nova edición do concurso literario, e aos gañadores en particular, subliñando o nivel dos traballos presentados, sobre todo na categoría dos máis novos, de 12 a 14 anos. Tamén agradeceron a implicación do profesorado e dos pais e nais para fomentar a lectura e a creatividade literaria dos mozos e mozas.

Pola súa banda, Xosé Manuel Castro puxo en valor que o Concello convoque este certame literario e animou aos rapaces e rapazas a seguir escribindo porque moitos dos grandes escritores empezaron participando en concursos, como, por exemplo Carlos Casares, lembrou.

Xunto aos gañadores, no acto tamén estiveron presentes os seus familiares, o voceiro municipal, Miguel Fernández, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira.

Os premiados son os seguintes:

- Na categoría de 12 a 14 anos:

1º Premio: María Pombo Valcárcel, do CPR Nuestra Señora de la Asunción de Sarria, pola obra Diario dos Soños. Recibiu un   diploma, un lote de libros e un premio valorado en 200€.

2º Premio: Santiago García Rivas, do CPR Divino Maestro de Lugo, pola obra Ionqui. Recibiu un diploma, un lote de libros e un premio valorado en 100€.

3º Premio: Luana Valiña Piñeiro, do CPR Nuestra Señora de la Asunción de Sarria, pola obra O tempo é ouro! Recibiu un diploma, un lote de libros e un premio valorado en 100€.

- Na categoría de 15 a 18 anos os premios quedaron desertos porque os traballos presentados non acadaron o nivel esixido polo xurado, tendo en conta o prestixo do certame.

Noticias relacionadas