A Alcaldesa destaca a utilidade que para o deseño das políticas locais terán as propostas da mocidade a través do Keep Moving!

Lara Méndez e o rexedor da localidade portuguesa de Tábua, socio neste novo proxecto europeo do Concello, ofreceron unha recepción aos 30 rapaces e rapazas de Lugo, Portugal, Italia e Francia que dende o pasado luns e ata mañá debaten na cidade fórmulas contra o paro e a desigualdade

Venres, 13 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
131017 Saúda Keep Moving!

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao rexedor da localidade portuguesa de Tábua, Mario Loureiro, ofreceron este venres no Salón de Plenos unha recepción aos 30 mozos e mozas de Lugo, Portugal, Italia e Francia que participan no Keep Moving!, o novo programa que conseguiu o Concello a través do Erasmus+, que busca dar voz á xuventude europea, coñecer de primeira man a súa realidade e intercambiar coñecementos para buscar solucións conxuntas e innovadoras aos seus problemas: o paro e a desigualdade.

A rexedora destacou que “a xuventude é o principal capital humano que temos”, polo que “as institucións debemos escoitar as súas inquedanzas e opinións e ter en conta as súas achegas no deseño das políticas locais para atallar os seus problemas”, facendo neste senso fincapé no desemprego xuvenil, que en Galicia alcanza unha taxa do 35%. “Non podemos perder unha xeración porque iso lastraranos como sociedade durante moito tempo”, asegurou Méndez, que desexou aos participantes no Keep Moving! que das xornadas de traballo que iniciaron o luns e rematarán mañá “fructifiquen conclusións proveitosas”.

No acto tamén participaron a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e outros membros da Corporación municipal.

O programa Keep Moving! está impulsado polo Concello de Lugo e conta coa participación do municipio de Tábua (Portugal), Redi Educare ai diriti humani de Follonica (Italia) e Intercultura de Francia.

O encontro do Keep Moving! inclúe ata mañá unha serie de debates sobre o emprego e a inclusión, abordada dende distintas perspectivas: a evolución dos perfís profesionais, como desenvolver talentos, novas oportunidades dixitais no emprego e autoemprego, a creatividade, a comunicación e a imaxe persoal orientadas á busca de emprego, ou o emprendemento.

O Keep Moving! dá continuidade ao Young Lab, que o pasado ano impulsou tamén o Concello co mesmo obxectivo de dar voz aos mozos e mozas para deseñar unha estratexia global contra o paro. Neste caso, aos socios de Portugal e Italia, sumouse tamén Francia.

Lazos con Tábua

Previamente á recepción dos participantes nestes programa, a Alcaldesa, a Concelleira de Cultura e o presidente da Cámara Municipal de Tábua mantiveron un encontro no que acordaron reforzar os lazos de unión e o coñecemento mutuo entre ambas localidades a través de intercambios socioculturais.

Multimedia

  • 131017 Encontro Alcaldes  Lugo e Tábua

Noticias relacionadas