A alcaldesa destaca os bos resultados da campaña de control da dobre fila nas contornas escolares durante o primeiro mes de funcionamento

Lara Méndez agradece á cidadanía a súa colaboración “que propiciou mellorar a fluidez do tráfico na cidade sen necesidade de impoñer sancións”

Mércores, 06 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa destaca os bos resultados da campaña de control da dobre fila nas contornas escolares durante o primeiro mes de funcionamento

Nove e dez da mañá. Ningún vehículo invadindo a beirarrúa en Ángel López Pérez.

“Levamos trinta días de campaña e apenas foi preciso impoñer sancións. O balance resulta moi alentador”.

Así é como a rexedora da cidade, Lara Méndez, cualifica o primeiro mes do operativo de control contra a dobre fila nas contornas escolares.

“Logo de 5 semanas, e de que nas primeiras xornadas nais e pais foran informados da medida, podemos realizar unha valoración moi positiva da mesma, que se traduce nunha maior seguridade para o alumnado e, como xa se pode comprobar, no restablecemento da fluidez do tráfico con maior inmediatez nas horas de entrada e saída aos centros de ensinanza”, subliñou a alcaldesa.

Lara Méndez aproveitou a súa reunión semanal coa Policía Local para revisar o funcionamento dos dispositivos en vigor e amosou a súa satisfacción pola boa acollida que tivo entre a cidadanía o reforzo da vixilancia nas proximidades dos colexios da cidade para evitar un abuso dos estacionamentos indebidos.

“Cando presentamos esta iniciativa apelamos ao civismo das e dos lucenses para non exceder este tipo de aparcamentos máis aló do tempo xusto de acompañar ou recoller aos cativos da escola pero tamén fixemos un chamamento á tolerancia do resto de condutores e dos peóns para conciliar as necesidades das familias coa axilidade que esixe a mobilidade urbana. Logo dun mes quero agradecer a uns e outros o seu bo comportamento para propiciar que isto fora posible”, referiu Lara Méndez.

A rexedora destacou que outra boa mostra de que a campaña está a dar froitos é a diminución do número de queixas ao respecto xa que, no pasado mes, non foi tramitada ningunha reclamación relacionada con esta cuestión polo Servizo Municipal de Atención Telefónica 010”, engadiu.

“Concienciación e consideración polos demais. Son dúas das ferramentas que dende esta alcaldía propuxemos ás e aos lucenses para tratar de solucionar, conxuntamente, unha problemática que estaba a xerar un gran malestar social. E hoxe podo dicir que me sinto moi orgullosa da receptividade que, até o momento, tivo esta petición. O éxito será acadar uns accesos totalmente seguros para as nosas fillas e fillos, unha convivencia tranquila e ordenada entre coches e viandantes para o que seguiremos a manter a presenza policial nas inmediacións das instalacións educativas coa fin de garantir que se cumpre a normativa e se respectan os dereitos de toda a cidadanía”, concluíu a rexedora.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre a valoración da campaña de control da dobre fila | Descargar mp3

Noticias relacionadas