A Alcaldesa destaca o “excepcional labor da gran familia de ASPNAIS en favor da integración” no 50 aniversario do colectivo

Lara Méndez recalcou o compromiso municipal “con todas as persoas con diversidade funcional, coas súas familias e cos colectivos que traballan por e para eles”, subliñando o “marcado carácter social” do Concello

Desexou á asociación “moita ventura na nova etapa que inicia para implantar a súa actividade no antigo Hospital San José, un proxecto no que dende o Concello temos o orgullo de tomar parte” 

Venres, 15 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa destaca o “excepcional labor da gran familia de  ASPNAIS en favor da integración” no 50 aniversario do colectivo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este venres nos actos conmemorativos do 50 aniversario da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPNAIS), nos que puxo en valor o “excepcional labor” que desenvolve “a gran familia” que forma este colectivo, os traballadores e voluntarios, para “mellorar a calidade de vida e favorecer a integración das persoas con diversidade funcional”. “É un orgullo para os lucenses contar na nosa cidade cunha asociación de referencia como ASPNAIS, que representa a solidariedade da cidadanía de Lugo”, asegurou a rexedora.

A conmemoración do aniversario de ASPNAIS, que preside José Reigosa, arrancou cuns actos celebrados na Catedral e no Círculo das Artes, e nos que, xunto á Alcaldesa, tomaron parte o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, entre outras autoridades.

Lara Méndez recalcou o compromiso municipal “con todas as persoas con diversidade funcional, coas súas familias e cos colectivos que traballan por e para eles”, subliñando que, “sen ben as administracións públicas temos a obriga de axudar e estar sempre ao lado dos que máis o necesitan, no Concello de Lugo temos un marcado carácter social, unha especial sensibilidade que nos fai volcarnos con todos os proxectos emprendidos na nosa cidade no eido do benestar social”.

Desexou así mesmo a ASPNAIS que, “polo menos, cumpra outros 50 anos máis facendo un traballo imprescindible” e que teña “ventura nesta nova etapa que está iniciando para implantar a súa actividade no antigo Hospital San José, un proxecto no que dende o Concello temos o orgullo de tomar parte poñendo o noso gran de area”.

Noticias relacionadas