A Alcaldesa destaca a educación como “factor vertebrador e de futuro” na presentación dun libro sobre a tarefa socioeducativa

Lara Méndez, Álvaro Santos e Carme Silva presentaron este libro xunto aos coordinadores da publicación La escuela de ayer, hoy y mañana. Claves y desafíos

Luns, 16 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa destaca a educación como “factor vertebrador e de futuro” na presentación dun libro sobre a tarefa socioeducativa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, e a Vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva, presentaron este luns o libro La escuela de ayer, hoy y mañana. Claves y desafíos, co que colaboraron as dúas institucións financiando os cursos de verán da USC e a posterior publicación da obra.

A Alcaldesa agradeceu “o traballo realizado polos coordinadores do libro e por darme a oportunidade de poder realizar o prólogo desta publicación, que versa sobre a paixoante e tan necesaria tarefa socioeducativa”, subliñando ademais que “a educación debe ser plataforma de vertebración e progreso dunha sociedade avanzada, pero máis que nada, debe ser socialmente xusta e equitativa”.

As claves e os futuros desafíos que lle agardan á escola centran as reflexións realizadas por distintos especialistas do ámbito educativo e compiladas no volume desta obra coordinada polos profesores da USC, Gonzalo Francisco Fernández Suárez e María Dolores Fernández Tilve, na que se aborda desde unha perspectiva multidisciplinar as problemáticas actuais e os futuros desafíos educativos.

O ensino na idade moderna na cidade de Lugo, competencias para a escola da post modernidade, Lomce, educación en valores, atención á diversidade na escola como prevención de riscos, competencias do orientador escolar, educación emocional, formación inicial e permanente do profesorado, e riscos asociados a Internet e ás novas tecnoloxías, constitúen algúns dos aspectos analizados neste libro, unha obra xurdida a raíz dun curso de verán celebrado na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC e coa que se pretende favorecer unha reflexión colectiva sobre a educación e a súa importancia no actual contexto social como clave para a resolución dos problemas.

O desexo de que a escola, como primeiro paso do proceso educativo, e por ende, a educación, sexa considerada como plataforma de vertebración nos procesos de desenvolvemento social e económico, foi un dos argumentos esgrimidos por todos os relatores que participaron nesta sesión, na que, entre outras ideas, tamén se puxeron de manifesto algunhas particularidades que diferencian as escolas rurais daquelas emprazadas en núcleos urbanos, ao tempo que se fixo fincapé na progresiva desigualdade de oportunidades dalgunhas persoas e estamentos sociais á hora de acceder ao goce dun dereito como é a educación.

Noticias relacionadas