A Alcaldesa demanda unha reunión urxente e inmediata coa Ministra de Xustiza para que revoque a denegación do xulgado do social

Martes, 26 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa, Lara Méndez, informou de que esta mesma tarde remitirá á Ministra de Xustiza, Dolores Delgado, unha carta para demandarlle unha reunión urxente e inmediata co fin de explicarlle de primeira man as circunstancias que determinan que resulta prioritario e imprescindible a creación dun cuarto xulgado do social en Lugo co obxectivo de que o departamento ministerial revoque a denegación da unidade xudicial.

Nada máis coñecer a decisión do Ministerio de Xustiza o pasado venres, a rexedora impulsou a aprobación dunha declaración institucional dos grupos políticos da Corporación a favor do cuarto xulgado do social de Lugo, un documento acordado na Xunta de Voceiros celebrada onte, que será aprobado de maneira unánime no Pleno do vindeiro xoves. Agora, Méndez dá un paso máis na defensa de Lugo pedindo un encontro coa Ministra para abordar unha reclamación unánime e xusta da cidadanía, e dos colectivos e axentes xudiciais de Lugo.

Tal e como lembrou a Alcaldesa, todos os datos obxectivos avalan a creación dunha nova sala do social en beneficio da cidadanía xa que cada un dos Xulgados actuais recibe unha media de 1.150 asuntos anuais, o que significa unha sobrecarga de traballo superior ao 145%, situación que afecta a máis de 4.000 lucenses. Así o entendeu tamén a Comisión Mixta de Xustiza de Galicia, que presentou esta petición como prioritaria ante o Ministerio de Xustiza.

Méndez recalcou que son nestes órganos onde se resolven cuestións de primeira necesidade, como pensións de fundamental subsistencia ou outras que requiren que se afronten coa maior rapidez posible, como reclamacións de salarios, indemnizacións, EREs ou vulneracións de dereitos fundamentais.

Noticias relacionadas