A alcaldesa de Lugo presenta este venres a campaña de dinamización económica dos barrios a través do comercio e a hostalería

A rexedora, Lara Méndez e edil de Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira, convidan á cidadanía a asistir ao acto público que terá lugar ás 11:30 horas na rúa Quiroga Ballesteros.

Para esa mesma xornada están programadas, entre outras actividades, a celebración dunha sesión vermú co DJ Fetén e dun espectáculo de maxia a partir das 18:00 horas.

O Concello deseñou un mapa de impulso comercial por barrios, potenciando a identidade propia de cada zona e ofrecendo propostas de lecer para darlles vida durante todo o ano.

A iniciativa, enmarcada na Estratexia Global de Recuperación Económica do Municipio deseñada por Lara Méndez, contempla 13 accións para revitalizar, modernizar e consolidar ás empresas e fomentar o emprendemento.

Mércores, 15 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo presenta este venres a campaña de dinamización económica dos barrios a través do comercio e a hostalería

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, e a tenente de alcaldesa e edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira darán a coñecer, este venres, os detalles da campaña de dinamización económica dos barrios.

Así, a alcaldesa lucense convidou a toda a cidadanía a asistir ao acto público convocado ás 11:30 na rúa Quiroga Ballesteros para coñecer os detalles deste plan de apoio ao tecido produtivo local ao que o Executivo de Lara Méndez destinará ao redor dun millón de euros.

Unha xornada na que tamén se celebrará, a partir das 12:30 horas, unha sesión vermú co DJ Fetén, así como sesións de maxia co Mago Roberto Lolo (18:00 horas), un concerto de Carta de Ajuste (20:30 horas) e a actuación dos DJ’s Marcos Peón e Fresno dende as 22:00 horas e ata a media noite. “Espectáculos que serán exemplo da revitalización que queremos espallar polo resto da capital para convidar á veciñanza a saír á rúa, a desfrutar do ocio e da cultura e, como non, tamén a visitar e mercar nos establecementos de proximidade”, sinalou Méndez.

O Concello de Lugo adxudicou este verán á UTE Lucal a contratación dun servizo de organización, programación, desenvolvemento, execución, divulgación e difusión de actividades nos barrios, dentro da Estratexia Global de Dinamización, Reconstrución e Reactivación da Economía Local co que a rexedora pretende non só modernizar o comercio e a hostalaría senón tamén fomentar o emprendemento e a consolidación empresarial”.

Estes dous plans artellaranse en torno a 13 liñas de actuación “nunha estratexia ambiciosa coa que seguiremos a apoiar aos sectores máis castigados pola pandemia e consolidar o tecido empresarial da nosa cidade”, afirmou Lara Méndez.

A alcaldesa quixo lembrar unha vez máis que “desde o Concello de Lugo estamos a realizar o maior esforzo inversor da historia de Lugo para paliar as consecuencias da pandemia, entre elas as derivadas das sucesivas restricións sanitarias, inxectando liquidez aos sectores máis afectados coas axudas directas do Reactiva (1M €) e do Reanima (5M€), pero tamén cunha estratexia de dinamización por barrios da cidade e do rural, que son os que permiten manter a nosa identidade, cun investimento doutro millón de euros”, concluíu a rexedora.

Noticias relacionadas