A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participa con outras mulleres referentes nos primeiros diálogos sobre igualdade de xénero

A iniciativa enmárcase nos actos organizados pola área de Muller para conmemorar o 8M.

Lara Méndez, Carmen Lence, Blanca Montenegro, Mónica Álvarez, Verónica Marcos e Dolores Fernández serán as protagonistas do ciclo.

As persoas interesadas en participar poderán remitir as súas preguntas, durante a semana do 8 de marzo, a través do enderzo mulleresconforza@lugo.gal e das redes sociais, co cancelo #DiálogosMulleresConForza.

Sábado, 06 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participa con outras mulleres referentes nos primeiros diálogos sobre igualdade de xénero

Baixo o lema “Mulleres lideresas: por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, protagonizará, xunto a outras mulleres referentes na cidade, a primeira edición dos Diálogos Mulleres con Forza.

Unha iniciativa que se enmarca na programación organizada pola área de Muller para conmemorar o 8 de Marzo e coa que o Concello de Lugo quere sumarse ás reivindicacións do Día Internacional das Mulleres reiterando o seu “firme compromiso coa consolidación da igualdade entre xéneros, unha equidade plena e efectiva, esencial para o avance da nosa sociedade e a mellora da nosa democracia”, afirmou a rexedora.

Froito desa vontade xorde esta actividade coa que se pretende estimular á cidadanía lucense para que pregunte ás Mulleres con Forza do 2021 sobre a súa experiencia vital e o desempeño da súa profesión sendo mulleres referentes en diversos sectores sociais.

Baseada no tema elixido pola ONU Mulleres para esta efeméride (“Mulleres lideresas: Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”), estes primeiros Diálogos nacen co obxectivo de visibilizar os enormes esforzos que realizan mulleres en todo o mundo para forxar un futuro máis igualitario e recuperarse da pandemia da Covid-19.

Neste senso, quixéronse destacar algunhas das referentes locais en diversas áreas co fin de enxalzar ás mulleres que están nas tomas de decisións como exemplo para o empoderamento feminino.

“Cómpre salientar que a crise puxo de relevo tanto a importancia fundamental das contribucións das mulleres como as cargas desproporcionadas que soportan, e tamén se amosou a afouteza que tanto elas como as organizacións femininas teñen, as súas habilidades, coñecementos e redes para liderar eficazmente a reacción de resposta e de recuperación ante a Covid-19”, destacou a rexedora, Lara Méndez.

Estes diálogos consistirán nunha acción de achegamento destas mulleres referentes para que dean resposta ás preguntas que a cidadanía lles queira trasladar co fin de coñecer a experiencia de cada unha delas.

Participarán, alén da alcaldesa: Carmen Lence, Xerente de Leite Río; Blanca Montenegro, Presidenta do Grupo El Progreso; Mónica Álvarez San Primitivo, Presidenta de ACADAR e Vicepresidenta de CEMUDIS; Verónica Marcos, Presidenta de Fademur Galicia e María Dolores Fernández Rodríguez, Presidenta da Comisión de Igualdade e Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC.

As persoas interesadas en participar poderán remitir as súas preguntas, durante a semana do 8 de marzo, ao enderezo mulleresconforza@lugo.gal ou ben a través das redes sociais co cancelo #DiálogosMulleresConForza.

Unha vez recollidas as cuestións, serán remitidas ás participantes co propósito de que poidan realizar unha selección das preguntas formuladas e que teñan relación coa igualdade para darlles unha resposta telemática, mediante vídeos, que se irá subindo ás redes sociais.

A alcaldesa, Lara Méndez, convida a toda a sociedade a participar, “non só nesta actividade senón en todas as convocadas” e subliñou que a programación municipal será segura e respectuosa con todas as medidas sanitarias impostas pola COVID. “Nas reivindicacións polo feminismo, que soen ser masivas e este ano deberán selo tamén, pedimos que se eviten as macro concentracións na rúa e instamos a ocupar outros espazos de visibilidade, como as redes sociais ou da nosa vida cotiá, como balcóns e xanelas, apelando á responsabilidade persoal”, sostivo.

A área de Muller do Concello de Lugo artellou unha complexa axenda de accións, dirixidas a todos os públicos, entre as que se atopa a celebración dun acto institucional o propio día 8 marzo; a presentación - vía streaming - do libro didáctico ‘En Lugo, sementamos igualdade’, da autora Llerena Perozo, así como a 2ª edición da xincana Se o amor apreta non é da túa talla, para mozos e mozas de 14 a 35 anos; andainas coa guía local Lidia de la Fuente ou obradoiros infantís a cargo de Caxoto Contacontos, ademais da estrea, en autocine, da película María Solinha, de Ignacio Vila.

Noticias relacionadas