A alcaldesa de Lugo e o presidente da CHMS supervisan o inicio da ‘proba de carga’ nas instalacións do Muíño

Lara Méndez e José Antonio Quiroga comprobaron ‘in situ’ a colocación dos marcadores como paso previo á proba que se executará o martes.

“A nosa vontade é conseguir que o río forme parte dos nosos escenarios habituais para o lecer e a socialización, e iso se consegue a través da creación de dotacións axeitadas e modernas”, sinalou a rexedora.

Luns, 18 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo e o presidente da CHMS supervisan o inicio da ‘proba de carga’ nas instalacións do Muíño

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño – Sil, José Antonio Quiroga, supervisaron esta mañá o inicio da ‘proba de carga’ nas instalacións do Muíño.

Ámbolos dous dirixentes comprobaron ‘in situ’ a colocación dos marcadores, como paso previo á proba que se executará este martes no primeiro piso do edificio, para comprobar a resistencia da placa e coñecer cal sería a súa capacidade ante a visita dun grupo numeroso de persoas.

“Estes traballos están enmarcados no proxecto de rehabilitación e mellora do Muíño e da súa contorna, recuperando un espazo natural e patrimonial para a cidadanía lucense. Procederase á mellora e rehabilitación do espazo interior, á demolición da estrutura metálica situada ao sur do edificio principal e da terraza situada ao oeste, substitución de varandas de ferro e recuperarase unha roda de muíño para o interior, entre outras actuacións”, explicou o presidente da CHMS.

“A idea é adecuar o propio edificio para o seu uso como centro de exposicións vinculadas co río Miño, dotándoo con paneis informativos achega do funcionamento dun muíño de auga, o papel das aceas e pesqueiras, historia ligada ao leito, etc., todo iso co interese de crear un espazo educativo e lúdico de recreo para locais e visitantes”, matizou Quiroga.

Pola súa banda, a alcaldesa lucense, Lara Méndez, agradeceu o clima de “permanente colaboración e diálogo que o Concello mantén coa Confederación Hidrográfica, xa que durante estes anos ese traballo conxunto permitiu desbloquear asuntos moi importantes para a cidade, entre eles o Plan Paradai e mesmo a restauración de elementos singulares que forman parte do noso patrimonio fluvial como son a pesqueira de ‘o Lulo’ e o caneiro de Acea de Olga ou o do Muíño, en 2019, cuxa reparación evitou que a construción se seguise deteriorando e puidese prexudicar á veciñanza do barrio da Ponte, como era a nosa preocupación”, sinalou a rexedora.

Méndez aludiu igualmente á axilización dos permisos que posibilitaron licitar a instalación da zona de baño público no Miño, “proxectos, todos eles que camiñan na mesma senda de crecemento da cidade, dentro da segunda gran transformación que estamos levando a cabo no municipio e que concordan coa aposta decidida deste Goberno por integrar a contorna do río na trama urbana mellorando a súa accesibilidade e conexión”.

“Se ben foi a través do Dusi – Muramiñae como se trazou a senda a seguir, coa rexeneración do Carme, a recuperación do Camiño Primitivo e da Vía XIX, a creación do Carril Bici, a construción da Tanxurela, a ampliación do Paso Soterrado e a peonalización da Calzada da Ponte, esta estratexia ten a súa continuidade cunha vertente máis lúdica e de dinamización económica e turística da capital da man das Caldas. Iniciativas que se verán reforzadas, igualmente, coa instalación desa plataforma de baño que vimos de adxudicar e que, xunto a restauración dun edificio tan emblemático para Lugo como é o do Muíño, contribuirán ao obxectivo que nos fixamos de levar a cabo un maior aproveitamento dos nosos recursos, sempre en consonancia cos valores de respecto á natureza e conservación do medio ambiente”, sostivo a alcaldesa.

“A nosa vontade é conseguir que o río forme parte dos nosos escenarios habituais para o ocio, a práctica deportiva, a socialización, e iso se consegue a través da creación de dotacións e infraestruturas axeitadas e modernas. Queremos xerar un apego social que sexa a base da súa conservación, do seu coidado e tamén da posta en valor do patrimonio que posuímos e que nos pertence para desfrutalo, para integralo como un recurso máis que nos fai únicos e privilexiados pola súa configuración paisaxística, pola súa riqueza e saúde e, dende logo tamén, pola súa versatilidade”, concluíu Lara Méndez.

 Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a recuperación do Muíño | Descargar mp3
  • O presidente da Confederación Hidrográfica Miño – Sil, José Antonio Quiroga, sobre a recuperación do Muíño | Descargar mp3

Noticias relacionadas