A alcaldesa de Lugo destina un millón de euros á estratexia de reconstrución económica dos barrios a través do comercio e a hostalería

A Xunta de Goberno Local celebrada hoxe adxudicou á UTE Lucal, única plica presentada á convocatoria, o contrato dun servizo de dinamización das zonas comerciais da cidade.

Enmarcado na Estratexia Global de Recuperación Económica do Municipio deseñada por Lara Méndez, o Plan contempla 13 accións para revitalizar, modernizar e consolidar ás empresas e fomentar o emprendemento.

O Concello creará un mapa de impulso comercial por barrios, potenciando a identidade propia de cada zona e impulsando actuacións de lecer para darlles vida durante todo o ano.

Con esta iniciativa dotarase de novos medios aos emprendedores dos viveiros da Tinería e do CEI-Nodus para incrementar as súas vendas.

Elaborarase o primeiro estudo sobre as potencialidades do rural lucense para fomentar a economía verde, circular e sustentable, de acordo coas liñas estratéxicas do Goberno local.

Mércores, 14 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo destina un millón de euros á estratexia de reconstrución económica dos barrios a través do comercio e a hostalería

O Concello de Lugo vén de adxudicar, en Xunta de Goberno, á UTE Lucal a contratación do servizo de organización, programación, desenvolvemento, execución, divulgación e difusión de actividades nos barrios, dentro da Estratexia Global de Dinamización, Reconstrución e Reactivación da Economía Local impulsado polo Executivo de Lara Méndez.

Esta Unión Temporal de Empresas foi a única oferta que se presentou ao procedemento deseñado pola rexedora para modernizar o comercio e a hostalaría local en cinco zonas da cidade e levar a cabo tamén un plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial.

Estes dous plans artellaranse en torno a 13 liñas de actuación “nunha estratexia ambiciosa coa que seguiremos a apoiar aos sectores máis castigados pola pandemia e consolidar o tecido empresarial da nosa cidade”, afirmou Lara Méndez.

A alcaldesa quixo lembrar unha vez máis que “desde o Concello de Lugo estamos a realizar o maior esforzo inversor da historia de Lugo para paliar as consecuencias da pandemia, entre elas as derivadas das sucesivas restricións sanitarias, inxectando liquidez aos sectores máis afectados coas axudas directas do Reactiva (1M €) e do Reanima (5M€), pero tamén cunha estratexia de dinamización por barrios da cidade e do rural, que son os que permiten manter a nosa identidade, cun investimento doutro millón de euros”, sinalou Méndez que aproveitou para debullar os dous eixos fundamentais do Plan, que terá un prazo de execución de doce meses.

Plan de dinamización de barrios, do pequeno comercio e da hostalería (644.869 €)

A súa finalidade é a de dinamizar o conxunto da cidade para atraer a potenciais consumidores e público en xeral, combinando a oferta de lecer e entretemento coa formación e o asesoramento, dirixido a locais comerciais e de hostalería para que resulten mais atractivos. Contempla as seguintes actuacións:

1.- Creación de marca de barrio e fomento da identidade dos barrios.

Comprende a elaboración dun mapa comercial dos barrios, creando a marca de cada un deles cunha proposta relevante sobre os produtos e servizos que os comerciantes e hostaleiros ofrecen, xerando unha vantaxe competitiva. Terase en conta por tanto a idiosincrasia, así como a historia e as tradicións propias de cada barrio. “Trátase de crear un sentimento e trasladar confianza, ilusión, e esperanza tanto ás actividades económicas como ás e aos consumidores”, aclarou a rexedora.

Para levar a cabo esta programación establécense cinco agrupacións de barrios (zonas de actuación):

  • Zona 1: Centro histórico e A Tinería.
  • Zona 2: A Milagrosa, Barrio Feijoo e Avenida da Coruña.
  • Zona 3: A Residencia, Piringalla, Casás, O Castiñeiro, Garabolos, Albeiros, Castelo e A Chanca.
  • Zona 4: Fingoi, Acea de Olga, Augas Férreas, Recatelo, Ramón Ferreiro, San Roque, Paxariños, Montirón e San Fiz.
  • Zona 5: Fontiñas, A Estación, A Cheda, Ángel Carro, A Ponte, A Louzaneta, Sagrado Corazón, As Gándaras e Galegos.

2.- Campañas de apoio á hostalería e ao comercio da zona: tardeos, noiteos, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento.

Coa finalidade de encher de vida estas zonas, realizaranse programas de lecer de forma periódica como os tardeos e noiteos, que tanto éxito obtiveron o pasado ano, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento.

Os tardeos e noiteos terán carácter mensual. Para o caso dos tardeos nun horario entre as cinco e as oito da tarde, con actuacións de animación para nenos, pasarrúas, actividades recreativas e xogos infantís, talleres para nenos, decoración dos barrios e actuacións musicais con DJ´S. Os noiteos realizaranse entre as dez e as doce da noite, comprendendo cada un dos mesmos un espectáculo ou actuación/concerto musical.

3.- Potenciarase a plataforma de comercio electrónico: formación e dixitalización do comercio e a hostalería.

Potenciarase a plataforma de comercio en liña e porase en marcha un proceso de formación e dixitalización do pequeno comercio e da hostalería, con asesoramento e acompañamento nas redes sociais, fomentando a imaxe de marca, o comercio electrónico, o uso de plataformas electrónicas e repartidores locais. A formación irá dirixida a todos os comerciantes e hostaleiros da cidade que queiran participar.

4.- Campañas estacionais e en datas sinaladas: Samaín (Halloween), San Valentín, Nadal, rebaixas de inverno e de verán.

As campañas consistirán na realización de actuacións de promoción, divulgación e sensibilización, para fomentar o consumo na hostalería e as vendas nos comercios, para que os cidadáns acudan aos seus locais de negocio, consuman e compren. As campañas deberán ser personalizadas e adaptadas, e recollendo a idiosincrasia de cada unha das zonas de actuación.

5.- Formación e asesoramento “in situ” sobre escaparatismo-iluminación e packaging:

Prestarase dita formación/asesoramento a un mínimo de 100 establecementos comerciais/ hostaleiros interesados por zona de actuación.

6.- Organización de mercadiños nas rúas fomentando a dinamización dos barrios.

Estes mercadiños, como o San Pedrín ou a Milagrosiña, desenvolveranse con carácter trimestral en cada zona de actuación, sendo catro os mercadiños para realizar por cada zona. Para amenizar a celebración dos mesmos, promoveranse durante os días da súa celebración a organización de concursos, con premios, así como diferentes actividades infantís: obradoiros, actuacións teatrais e musicais dirixidas ás crianzas.

Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial (322.525 €)

Co obxectivo de revitalizar o tecido empresarial e apoiar aos emprendedores, desenvolverase un plan de acción, cuxos eixos principais serán os viveiros municipais do Cei Nodus e da Tinería. Trátase de que os viveiros municipais se convertan en centro de desenvolvemento de negocios, fomentándose os encontros co tecido empresarial xa consolidado, así como canalizando sinerxías, de interese para todos os emprendedores e empresarios. Este plan inclúe:

1.- Actividades de formación para a difusión da cultura emprendedora e a consolidación empresarial.

Realización de charlas de alto impacto, así como formación sobre contidos relacionados coa xestión empresarial, especialmente coas vendas, comunicación, marca, márketing dixital, comercio electrónico, etc. Realizaranse 12 charlas de alto impacto de 5 horas de duración cada unha, así como 60 pílulas formativas de 10 horas de duración cada unha.

2.- Actividades de networking e actuacións específicas para o empoderamento empresarial.

As actividades para realizar consistirán en:

  • Realización de almorzos de negocios co fin de establecer relacións de networking entre os emprendedores. Os mesmos terán carácter mensual, facilitando desta maneira os encontros entre os emprendedores dos viveiros de empresas municipais do Cei-Nodus e A Tinería.
  • Xornadas de portas abertas nos viveiros de empresas municipais do CEI-Nodus e A Tinería co obxectivo de dar a coñecer os devanditos viveiros á cidadanía en xeral, e dirixidas sobre todo a aqueles emprendedores/as futuro/as.
  • Día internacional do emprendemento: conlevará a organización de actividades de dinamización nos viveiros de empresas municipais dirixidas a emprendedores en xeral, tales como concursos, posta en escena dos proxectos gañadores e dos diferentes participantes dunha forma atractiva e innovadora para que sirvan de demostración e incentiven dese xeito o emprendemento.
  • Cinema ao aire libre no Cei-Nodus e na Tinería: realizaranse as actividades de cinema ao aire libre no Cei-Nodus e na Tinería en catro días distintos.

3.- Accións de dinamización específicas para o desenvolvemento económico e social do barrio da Tinería:

  • Actuacións musicais con grupos locais para fomentar a cultura local: 4 actuacións (unha en cada estación do ano).
  • Eventos gastronómicos: 4 eventos (un en cada estación do ano) con concursos de tapas e de pratos orixinais, que combinen innovación con tradición, nos diferentes establecementos de restauración do barrio.
  • Recreacións históricas: 4 recreacións (unha en cada estación do ano), non só romanas senón tamén medievais, de tal forma que participen os establecementos de artesanía (coiro, vestiarios), salóns de peiteado, etc.
  • Actividades infantís: 4 actividades (unha en cada estación do ano), con concursos para crianzas, talleres, teatro, xogos infantís.

4.- Estudo-Campañas de márketing e venda cruzada para fomentar o incremento de vendas nos viveiros municipais do Cei Nodus e A Tinería:

Elaboración dun estudo individualizado e pormenorizado de, polo menos, 50 empresas, instaladas nos viveiros municipais do Cei Nodus e da Tinería, así como das participantes no Coworking do Concello, co fin de axudarlles a impulsar a súa capacidade de venda a través de campañas de márketing e fomentar a venda cruzada ou cros-selling,

5.- Mercadiños nos viveiros de empresa municipais: Cei- Nodus e A Tinería

Desenvolveranse co fin de que os emprendedores instalados nos viveiros de empresas municipais, poidan mostrar os seus propios produtos, dunha maneira tanto presencial como virtual. Para iso realizaranse 4 mercadiños en cada un dos viveiros de empresa municipais, un en cada estación do ano. Para amenizar a celebración dos devanditos mercadiños, promoveranse a organización de concursos, así como diferentes actividades infantís: talleres, actuacións teatrais e musicais dirixidas ás crianzas, así como actuacións musicais para todos os públicos. Tamén se ofrecerá transporte gratuíto.

6.- Elaboración dun estudo específico sobre a zona rural do municipio

Realizarase o primeiro estudo específico sobre a zona rural do municipio de Lugo, facendo especial fincapé no desenvolvemento de actividades emprendedoras e empresariais no medio rural, en consonancia coas liñas estratéxicas do Goberno de Lara Méndez en relación á economía verde, economía circular, a sustentabilidade, enerxías alternativas, a optimización de recursos, o cooperativismo e a xeración de emprego.

Este estudo relativo ás parroquias de Lugo analizará nos devanditos territorios, cando menos: a comercialización de produtos, a formación, as TICs, networking e negocios, marca e imaxe corporativa, comunicación e redes sociais e actividades ou eventos a realizar.

7.- Congreso sectorial para posicionar a Lugo como un referente internacional:

Como colofón destas actuacións, organizarase un congreso internacional na cidade de Lugo relacionado co emprendemento, buscando que sexa un referente no que expor novos retos, ofrecer solucións, analizar casos de éxito e dotar das ferramentas necesarias a profesionais e aos que poden chegar a ser, para que aproveiten as oportunidades da contorna local a través dun emprendemento sostible.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Plan de Dinamización de Barrios | Descargar mp3

Noticias relacionadas