A Alcaldesa de Lugo anima ás empresas de Lugo a participar no plan de consolidación empresarial Localmente Lucense

Lara Méndez participou no primeiro dos 12 almorzos de negocios que se desenvolverán ao longo do ano para que os empresarios establezan relacións e sinerxias.

Xoves, 24 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa de Lugo anima ás empresas de Lugo a participar no plan de consolidación empresarial Localmente Lucense

O Hotel Fórum Ceao acollía esta mañá a primeira actividade de networking, que reuniu a 30 emprendedores lucenses. Iniciativa enmarcada no Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial,  posto en marcha polo goberno de Lara Méndez.

Un almorzo a modo de ‘networking’ que pon en común aos sectores que operan na cidade e brinda a oportunidade de cruzar diferentes alianzas, sinerxias e negocios entre as diferentes áreas de actuación. Neste primeiro almorzo, no que tamén participou a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana G. Abelleira, a rexedora lucense incidiu na importancia de manter estes encontros para “aprender uns dos outros, coñecendo cal é a situación individual, fomentar o espírito emprendedor, así como seguir dando a coñecer a campaña ‘Localmente Lucense”.

Por unha banda, o Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial, dentro do cal se realizarán, ademais dos almorzos de negocios, charlas con empresarios locais e expertos nacionais; programas  de formación en áreas como administración e xestión, atención ao cliente, marketing, compras, comunicación, informática e comunicacións, internacional, marketing dixital, packaging, promoción e venda; asesoramento ‘in situ’ sobre escaparatismo ou iluminación; xornadas de portas abertas nos viveiros de empresas do Concello; ou e actividades de dinamización polo Día Internacional do Emprendemento.

E por outra, un Plan de dinamización de barrios  que se desenvolverá por cinco zonas da cidade, incluíndo todos os barrios lucenses, e que contempla a realización de actividades de ocio e lecer como tardeos, noiteos, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento; campañas estacionais e en datas sinaladas como San Valentín, Nadal, Samaín, rebaixas de inverno e de verán; ou a organización de mercadiños nas rúas.

Méndez destacou que "esta actividade esta pensada para unir ao tecido empresarial,  xa que son as empresas as que crean emprego e xeran actividade económica na nosa cidade, de tal xeito que impulsar e apoiar este tipo de iniciativas e os diferentes proxectos empresariais repercutirá en xerar emprego e riqueza para os nosos veciños e veciñas".

A rexedora apuntou que estes encontros teñen un claro obxectivo que é “facilitar sinerxias e que os asistentes compartan coñecemento empresarial, sendo unha oportunidade única na procura de puntos en común e unha forma de demostrar o apoio do Concello á empresa e á economía local”.

Noticias relacionadas