A alcaldesa da a benvida ás Aulas Newton, que inician en Lugo “cidade referente en innovación” unha xira europea para a formación tecnolóxica

Méndez: “O Concello colabora con este espazo porque imos sempre da man da comunidade educativa na formación e nos grandes proxectos de cidade para formar e reter o talento”.

As aulas instalaranse na Horta do Seminario do 22 de outubro ao 10 de novembro, polas que pasarán medio millar de alumnos dos colexios lucenses e tamén abriranse a todo público.

Luns, 14 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa da a benvida ás Aulas Newton, que inician en Lugo “cidade referente en innovación” unha xira europea para a formación tecnolóxica

O municipio de Lugo é o primeiro destino europeo onde se instalarán as Aulas Newton Móbiles impulsadas pola Fundación First Escandinavia e Boeing Europa, destinadas á formación do alumnado de secundaria da provincia e “que brindará á mocidade boas experiencias de aprendizaxe para incentivar o seu coñecemento cara ás profesións relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas”, sostivo a alcaldesa Lara Méndez hoxe na presentación desta iniciativa na que colabora o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia.

A rexedora deu a benvida ás Aulas Newton, “que axudarán a motivar desde a mocidade os talentos científicos nunha cidade como a nosa que se está a situar claramente na innovación e na vangarda de Galicia”. Por iso, dixo, “para nós é fundamental ir sempre da man da comunidade educativa, colexios, institutos e Universidade, tanto na formación como nos grandes proxectos de cidade para xerar economía e crear as condicións idóneas para reter ese talento que estamos a fomentar no noso municipio”.  “A nosa principal riqueza non se basea só no territorio, as materias primas ou o capital senón no talento colectivo e individual”, destacou.

As Aulas Newton son espazos educativos STEM de alta calidade de 70 metros cadrados que se instalarán na Horta do Seminario do 22 de outubro ata o 10 de novembro, polo que pasarán máis de 500 alumnos e alumnas de idades entre os 14 e 16 anos dos colexios da provincia lucense. Pero ademais, os espazos estarán abertos ao público en xeral as fins de semana e os días festivos.

O módulo das aulas que chega a Lugo, chamado ‘Voamos cos números’, descubrirán  dun xeito práctico e ameno os conceptos matemáticos na planificación e implementación dos voos e participar nos simuladores.

Ademais, as salas de Novas Tecnoloxías do Concello de Lugo acollerán a formación dos profesores, clases que comezaron hoxe e polas que pasou Lara Méndez a darlle a benvida aos participantes.

A alcaldesa tamén agradeceu hoxe a presencia en Lugo de Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria, colaborador xunto co Concello da iniciativa, así como a elección de Lugo como primeiro destino do espazo educativo por parte dos impulsores desta iniciativa, a Fundación First Escandinavia e Boeing Europa, representados hoxe na rolda de prensa polo docente da fundación Markus Bjerkenes, e José Enrique Román, director xeral de Boeing Research & Technology-Europe.

Despois da cidade lucense, as aulas viaxarán a Polonia, Países Baixos, Alemaña, Francia, Italia, Bélxica, Reino Unido e Suecia.

Por último, Lara Méndez desexoulles aos profesores e alumnos que participen ao máximo das actividade e coñecementos que se transmitirán a través das Aulas Newton, co fin de que aproveiten a oportunidade. “Esperamos que estes saberes e prácticas poidan reverter non só positivamente na súa formación e súas vocacións do alumnado, senón tamén na nosa cidade. O seu talento é, sen dúbida, a nosa chave de futuro”, dixo.

Audio

 

Noticias relacionadas