A Alcaldesa consegue situar de novo a Estación Intermodal na axenda política

Da reunión mantida hoxe en Madrid entre Concello, Adif e Xunta saíu o compromiso de asinar un convenio entre as tres administracións para acometer a infraestrutura

A Xunta facilitará ao Concello a finais desta semana as conclusións dos estudos previos que fixo sobre a Intermodal e Adif elaborará un anteproxecto que inclúa as estacións ferroviaria e de buses

“Este é un proxecto prioritario e irrenunciable para o Goberno porque é o que nos garante a chegada do AVE a Lugo no 2019 e tamén ser unha cidade do século XXI”, subliña Lara Méndez

Luns, 19 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa consegue situar de novo a Estación Intermodal na axenda política

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, conseguiu situar de novo a Estación Intermodal na axenda política das administracións implicadas. Fíxoo coa reunión que mantivo a principios de mes co presidente de Adif, Juan Bravo, na que solicitou que se concretase unha segunda xuntanza, a que precisamente se celebrou este luns en Madrid, esta vez con representantes de Adif, da Xunta e do Concello, xunto con técnicos das tres institucións.

Na reunión desta mañá, explicou Méndez, “acadamos o compromiso de que a Xunta nos remita a finais desta semana os estudios previos que fixo sobre a Intermodal, que presentou hai un mes e medio e que aínda non coñecemos” e a redacción por parte de Adif dun anteproxecto que inclúa as conclusións deste estudo, e polo tanto as estacións ferroviaria e de buses.

Así mesmo, asegurou a Alcaldesa, “quedamos en ir traballando de forma conxunta nun convenio para formalizar entre as tres administracións coas distintas actuacións a levar a cabo e pasos a dar” para materializar a Estación Intermodal. Neste senso, engadiu, “quedamos emprazados para nun prazo aproximado dun mes ter de novo outro encontro co fin de ver como vamos avanzando e que pasos temos que dar”.

Polo tanto, “imos concretando este proxecto que para o Goberno é prioritario e irrenunciable, porque é o que nos garante a chegada do AVE a Lugo no 2019, como indicou o Ministro que o fará a Galicia, e é o que nos garante tamén ser unha cidade do século XXI”, recalcou Lara Méndez.

Noticias relacionadas