A Alcaldesa confirma aos traballadores do guindastre que os novos pregos contemplarán a subrogación

Luns, 02 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa confirma aos traballadores do guindastre que os novos pregos contemplarán a subrogación

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, confirmou este luns aos traballadores e traballadoras do guindastre que os pregos do novo contrato contemplarán a subrogación da plantilla porque así o prevé o convenio colectivo para o sector da retirada e depósito de vehículos da vía pública. Ante as mobilizacións previstas dos traballadores, “xa se lles fixera chegar, pero hoxe eu mesma lles trasladei que, coma sempre, o Concello o que quere é velar polos dereitos dos traballadores e, cando temos a capacidade legal de que poida haber unha subrogación, así o facemos”. “Neste caso, é factible porque o recolle o seu convenio colectivo”, asegurou a rexedora, que mantivo un encontro co grupo de empregados concentrados na Praza Maior esta mañá.

“É lóxico e comprensible que os traballadores estean preocupados pola súa situación laboral. O que fixemos, tanto eu, como logo máis detidamente nun encontro que mantiveron, a Concelleira de Economía, Ana Prieto, e o xefe do servizo de Contratación, foi transmitirlles tranquilidade porque a subrogación estará contemplada nos pregos, como poderán ver despois no momento da súa publicación”, explicou a Alcaldesa.

En canto aos prazos, Méndez subliñou que o Goberno está a traballar para que “da forma máis inmediata, esperemos que antes de finalizar o ano”, saia a licitación o contrato, “como sempre dixemos, un contrato ponte por un período dun ano máis outro de prórroga, en tanto a mesa de municipalización non dilucide como queda a prestación deste servizo”.

Noticias relacionadas