A Alcaldesa confía en que a Xunta cumpra e se implique no remate do auditorio coa dotación do equipamento

A obra civil do edificio está rematada a falta de pequenos detalles, pero queda “a segunda parte”, subliñou Lara Méndez, que consiste na instalación dos elementos e equipos precisos para poder abrir as portas a todos os lucenses

A rexedora agradeceu ao Presidente da Xunta a visita á infraestrutura cultural “para ver de primeira man as necesidades que nos quedan, que seguro iremos solucionando na liña da colaboración entre administracións”

“É un gran auditorio, á altura dunha cidade como Lugo, que o merece e que nos equipara ao resto das grandes cidades galegas, pois eramos a única sen esta dotación. Esperamos poder gozar dela en breve”

Mércores, 20 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa confía en que a Xunta cumpra e se implique no remate do auditorio coa dotación do equipamento

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, confía en que a Xunta de Galicia cumpra e se implique no remate do novo auditorio coa dotación do equipamento necesario para que a infraestrutura cultural poida comezar a funcionar a pleno rendemento e “poidamos poñelo a disposición de todos os veciños e veciñas”. Así llo pediu a rexedora ao Presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a visita que tivo lugar este mércores ao edificio, cuxa obra civil está rematada a falta de pequenos detalles, pero queda “a segunda parte tan necesaria”, subliñou Méndez, consistente na instalación dos elementos e equipos precisos para que sirva ao fin para o que foi deseñado, e “a terceira”, a propia inauguración das instalacións. Esta mesma solicitude xa lla trasladou a Alcaldesa a Núñez Feijóo na primeira reunión institucional que mantiveron o pasado mes de agosto e tamén á Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, nunha xuntanza celebrada a primeiros de marzo.

Lara Méndez lembrou que o Presidente da Xunta “entendeu naquela primeira reunión de agosto a necesidade de dotar este gran auditorio de equipamento para poder darlle uso e que os lucenses o puidésemos recibir en condicións aptas para poder abrir as portas, que é o que estamos desexando”. “Foi o propio Presidente quen no 2004 iniciou este proxecto e estou convencida de que será el quen no seu mandato acabe unha obra que os lucenses estamos esperando para inaugurala e disfrutala”, afirmou.

Deste xeito, a rexedora agradeceu a Núñez Feijóo e a Beatriz Mato “esta visita para ver de primeira man o estado das obras e as necesidades que nos quedan, que seguro iremos solucionando nesta liña de colaboración entre administracións, na que temos que avanzar e que pide a cidadanía. Debemos falar, entendernos e chegar a acordos para abrir infraestruturas que melloran a calidade de vida dos cidadáns, o que nos move a todas as persoas que ocupamos cargos públicos”:

Durante a visita “comprobamos que este é un gran auditorio, á altura dunha cidade como Lugo, que o merece e que nos equipara ao resto das grandes cidades galegas, pois eramos a única sen un gran auditorio, do que agora esperamos poder gozar en breve”, asegurou a Alcaldesa. Neste senso, engadiu que Lugo “ten moitas máis cuestións pendentes para seguir equiparándose ao resto de cidades, pois temos moita merma de servizos, polo que é preciso seguir investindo co fin de deixar de ser cidadáns de segunda en moitos termos”.

Xunto á Alcaldesa, o Presidente da Xunta e a Conselleira de Medio Ambiente, na visita participaron a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, entre outras autoridades, o voceiro do Goberno municipal, Miguel Fernández, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e representantes da Corporación local.

A obra

O edificio do novo auditorio, cunha superficie de 15.575 metros cadrados, ten un deseño horizontal, integrándose na contorna e orientado ao Miño. Conta cun gran salón de actos con aforo para 900 persoas (entre patio de butacas e anfiteatro), e con outra sala menor destinada a representacións teatrais, concertos e conferencias con aforo para 300 persoas. Dispón dunha área complementaria para congresos e exposicións, espazo para escola de música, mediateca, zonas de usos públicos colectivos e área administrativa.

Audio

Multimedia

  • A Alcaldesa confía en que a Xunta cumpra e se implique no remate do auditorio coa dotación do equipamento

Noticias relacionadas