A Alcaldesa comparte con enxeñeiros industriais un almorzo de traballo sobre o Lugo Smart City

Uns 20 profesionais de Lugo, Santiago, A Coruña e Vigo acudiron a esta cita, na que Lara Méndez tratou as potencialidades que ten este proxecto de 4,1 millóns de euros para o campo de profesionalidade dos enxeñeiros industriais

Venres, 02 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa comparte con enxeñeiros industriais un almorzo de traballo sobre o Lugo Smart City

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, compartiu este venres con enxeñeiros industriais un almorzo de traballo sobre o Lugo Smart City. Uns 20 profesionais de Lugo, Santiago, A Coruña e Vigo acudiron a esta cita, que tivo lugar na sede de Lugo do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e que serviu para darlles a coñecer as accións de dito proxecto, para o que o Concello vén de lograr 4,1 millóns de euros co obxectivo de converter a Lugo nunha cidade intelixente e sostible, dos que o Ministerio achega o 60%, uns 2,5 millóns, a través de Red.es, co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e o Concello o resto, máis de 1,6 millóns de euros.

Lara Méndez deulles a coñecer aos enxeñeiros que Lugo traballa para ser un referente local na captación de fondos europeos “pensando sempre no factor humano, o que determina investilo en tecnoloxía para garantir unha mellora na calidade de vida do veciño”, ao tempo que lles informou doutros proxectos financiados pola Unión Europea, como o Lugo+Biodinámico, posto en marcha o pasado mes de febreiro, ou o Muramiñae, para o cal a entidade local solicitou 18,7 millóns de euros para integrar o Miño na cidade a través da zona do Carme.

No encontro, Méndez tratou cos enxeñeiros que participaron no encontro as potencialidades que ten este proxecto para o seu campo de profesionalidade, que debe aportar unha tecnoloxía que beneficie á persoa para aforrar tempo e favorecer a conciliación e que facilite un mecanismo que fomente a democracia participativa. Nesta liña, os enxeñeiros falaron da súa experiencia en proxectos smart doutras cidades, así como deron alternativas para as aplicacións de xestión intelixente que contempla o Lugo Smart City.

A rexedora explicoulles os obxectivos do proxecto, que se basean na integración, eficiencia, transparencia e cooperación, así como as accións, que inclúen melloras en administración electrónica, na xestión de infraestruturas locais baseado no GIS, melloras na tarxeta intelixente, portal de transparencia, xestión intelixente do aparcamento, de residuos sólidos urbanos, en eficiencia enerxética, no alumeado público e nos colectores de auga. Todo elo estará integrado nunha plataforma smart.

Noticias relacionadas