A Alcaldesa chama a traballar xuntos por un desenvolvemento sostible de Lugo na inauguración dun curso de verán sobre plantas das Reservas da Biosfera

Lara Méndez participou este martes na inauguración da cuarta edición do curso As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Teras do Miño e os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, organizado pola USC

Martes, 26 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa chama a traballar xuntos por un desenvolvemento sostible de Lugo na inauguración dun curso de verán sobre plantas das Reservas da Biosfera

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes na inauguración da cuarta edición do curso de verán As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Teras do Miño e os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, organizado pola Universidade e Santiago de Compostela. Trátase dun curso estival que terá lugar dende hoxe ata o vindeiro venres, e que ofrece unha visión sobre as prantas e fungos mediciñais dende diferentes puntos, afondando nas especies que se poden atopar en Galicia así como en aspectos que fan posible que poidan ser contempladas como un recurso económico, especialmente nas Reservas da Biosfera. 

Para Lara Méndez que Lugo forme parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, supón “un valor engadido para o municipio”, de aí que hai un ano se crease a área de desenvolvemento sostible, da cal depende tanto medio ambiente e urbanismo, “a través do cal buscamos un crecemento da cidade equilibrado, respetuoso co medio, racional e sostible”. Neste senso, a Alcaldesa lembrou o proxecto Lugo+Biodinámico, que se leva a cabo dende esta área, posto en marcha para desenvolver actuacións en favor dun urbanismo sostible e un mellor aproveitamento forestal. 

A rexedora chamou a traballar xuntos a prol dun desenvolvemento sostible de Lugo, “pois somos unha cidade verde e contamos coa materia prima, que é o máis difícil, polo que é a nosa obriga aproveitalo”. Para rematar, agradeceulle o esforzo á USC, ao Ibader, ao comité organizador e ao equipo docente por celebrar unha nova edición deste curso, ao tempo que lles desexou aos alumnos unhas xornadas fructíferas.

Noticias relacionadas