A Alcaldesa apoia as reivindicacións da Federación de Asociacións Veciñais, que agrupa a 15.000 lucenses

Lara Méndez mantivo unha reunión co presidente do colectivo, Jesús Vázquez, dentro da toma de contacto da rexedora co tecido asociativo da cidade

A mellora do saneamento no medio rural, o impulso da participación cidadá, a continuidade dos orzamentos participativos ou a posta en valor dos barrios da cidade son algúns dos compromisos que adquiriu a rexedora

Reclamar servizos ferroviarios para a cidade de Lugo e demandar os servizos pendentes para o HULA, así como a creación de residencias públicas da 3ª idades son outros dos temas tratados neste “encontro frutífero”

Mércores, 15 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo unha reunión co Presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, dentro da toma de contacto da rexedora co tecido asociativo da cidade. Méndez destacou a importancia deste colectivo na vida diaria da cidade, “un colectivo veciñal moi activo, ademais de ser o máis numeroso de Galicia, que simboliza ao mesmo tempo tanto a realidade do medio rural como a do urbano”. A federación aúna a representación de 200 asociacións e 20.000 veciños da provincia, e máis concretamente, a 120 asociacións e 15.000 veciños do Concello de Lugo, segundo indicou o propio Jesús Vázquez.

Tras o encontro, Méndez adiantou que “escoitar ao tecido asociativo do Concello é esencial para promover iniciativas de futuro para o noso municipio”, ao tempo que se comprometeu a apoiar as reivindicacións que lle transladou Vázquez, tales como a mellora do saneamento no medio rural, o impulso da participación cidadá, a continuidade dos orzamentos participativos ou a posta en valor dos barrios da cidade. 

Servizos ferroviairos para Lugo

Outras das cuestións tratadas neste “encontro frutífero”, tal e como o definiu Méndez, foi a posta en marcha dunha plataforma para reclamar servizos ferroviarios para Lugo. Vázquez adiantou que “coindindo co 140 aniversario da chegada do tren a Lugo, a Federación impulsará unha plataforma para pedir tren de cercanías para a cidade, a chegada do AVE e a estación intermodal”. 

A Alcaldesa, que foi invitada pola Federación para que lidere este movemento, subliñou que “non nos podemos permitir que Lugo sexa a única capital de provincia galega que se quede sen estes servizos”. 

Residencias de 3ª idade

Méndez e Vázquez reivindicaron así mesmo á Xunta de Galicia a creación dunha residencia da terceira idade na cidade. “Dende 1977, e xa van 38 anos, Lugo  non conta cunha residencia pública para os nosos maiores. Os dous anos e medio de espera para poder entrar na Residencia das Gándaras demostra a necesidade desta infraestructura. Pero a Xunta mira para outro lado, e para poder suplir estas carencias víronse obrigados a crear 20 residencias concertadas na comarca de Lugo”. A Alcaldesa sinalou que “o Partido Popular non quere residencias públicas nin prazas públicas porque non lles interese este modelo de xestión”. 

Noticias relacionadas