A Alcaldesa apoia á Asociación de Amigos do San Froilán de Barcelona pola “gran proxección que fan de Lugo”

Lara Méndez mantivo un encontro con membros do colectivo, co seu presidente, Ramón Rey, á fronte, quen avanzou que o 21º San Froilán barcelonés, a festa máis importante da Cidade Condal tras a de La Mercè, será do 2 ao 4 de outubro

Martes, 25 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa durante o seu encontro coa Asociación de Amigos do San Froilán de Barcelona

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este martes un encontro con membros da Asociación de Amigos do San Froilán de Barcelona, co seu presidente, Ramón Rey, á fronte. A rexedora garantiu que o Concello seguirá apoiando como ata o de agora a este colectivo pola “gran proxección” de Lugo que conseguen co San Froilán barcelonés, a festa máis importante na Cidade Condal que organiza unha asociación, e a segunda con maior relevancia, despois da de La Mercè, o que “é un luxo para Lugo”.

“O labor de embaixadores que fan os emigrantes é incrible, porque manteñen viva a nosa identidade, cultura e tradicións, pero tamén pola dinamización económica que acadan do concello, da provincia e da comunidade”, recalcou a rexedora, polo que “merecen todo o recoñecemento”.

Pola súa banda, Ramón Rey avanzou que a 21ª edición do San Froilán de Barcelona terá lugar no distrito de Nou Barris entre os vindeiros días 2 e 4 de outubro, cita á que convidou á Alcaldesa. Rey lembrou que se chegan a congregar no festexo unhas 50.000 persoas, das que “o 60% non son galegos”, e que se venden entre 1.500 e 1.600 quilos de pulpo, entre outros produtos autóctonos de Galicia. “O obxectivo e transmitir a nosa cultura áos cataláns e non cataláns”, asegurou o presidente de Amigos do San Froilán de Barcelona.

Audios

  • Declaracións da Alcaldesa sobre o encontro coa Asociación de Amigos do San Froilán de Barcelona| Descargar mp3
  • Declaracións do presidente da Asociación de Amigos do San Froilán de Barcelona | Descargar mp3

 

Noticias relacionadas