A Alcaldesa anuncia unha ordenanza cívica para impedir a actuación dos gorrillas e as agresións ao patrimonio

“Damos un paso á fronte ante a petición da veciñanza e de distintas asociacións dotando ao Concello dun instrumento que aborda de maneira global os comportamentos individualizados de persoas que danan a convivencia e a imaxe da cidade”, subliñou Lara Méndez

A proposta de ordenanza será publicada no BOP para que calquera persoa poida facer achegas e logo debaterase na Mesa de Ordenanzas cos grupos municipais co fin de levar un texto consensuado a Pleno para que entre en vigor en 2018

Mércores, 19 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa anuncia unha ordenanza cívica para impedir a actuación dos gorrillas e as agresións ao patrimonio

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este martes que o Goberno, na procura dun Lugo máis social, dá un paso ao fronte, ante a petición da veciñanza e de distintas asociacións, "para dotarnos dun instrumento total, que permita regular a convivencia de todas e todos os lucenses: unha ordenanza cívica". Fíxoo nunha rolda de prensa, nas instalacións da Policía Local, nun acto no que tamén estivo presente o Inspector deste corpo, Jesús Piñeiro.

Este instrumento, tal e como manifestou Méndez, "pretende abordar de maneira global os aspectos máis problemáticos de certos comportamentos individualizados, que danan a convivencia veciñal e a danan a imaxe da cidade". Nesta liña, a Alcaldesa referiuse a "problemas moi comúns en todas as cidades, de moi difícil solución por parte das entidades locais, que ven como a lei se converte nunha especie de tela de araña por onde se escapan os pequenos actos punibles, pero que son grandes en canto a molestos para o resto da veciñanza".

Trátase dunha proposta de ordenanza para poder actuar sen dilación e con efectividade, por exemplo, sobre os denominados gorrillas. Pero non é só un mecanismo regrado para loitar contra esta conducta, senón que recolle máis de 15 comportamentos coa súa correspondente sanción. Por exemplo as pintadas, os actos contra o patrimonio, ouriños "e unha multitude de actos incívicos e sobre todo, insolidarios co resto de veciños e veciñas que pagan os seus impostos como calquera outro e queren que sirvan para ter os bancos dos parques en bo estado ou as rúas limpas", asegurou Lara Méndez, quen recalcou que a maioría dos comportamentos que se pretenden impedir son menores en número e claramente illados, "pero tamén é certo que temos a obrigación de ter todos os instrumentos necesarios para poder actuar na defensa dos intereses de Lugo e en defensa dos intereses desa gran maioría que quere a súa cidade e cuxo comportamento é intachable".

Pola súa banda, o Inspector Jesús Piñeiro lembrou que, aínda que existe unha Lei de Seguridade Cidadá de ámbito nacional, quedaban pendente regular unha serie de condutas, como por exemplo o de aparcacohes, que a día de hoxe se desenvolve principalmente ao redor do HULA. Así mesmo, avanzou que neste borrador de ordenanza se recuperan unha serie de conductas infractoras que esta nova lei de seguridade non contempla, como poden ser os desordes leves na vía pública e a alteración de convivencia en domicilios particulares. Tamén se recollen actuacións como pelexas e outros comportamentos que non amparan outras ordenanzas nacionais, como a venda ambulante encuberta, ou outras ordenanzas municipais. As sancións a ditas condutas, neste borrador, están tipificadas en leves, ata 750 euros; graves, de 751 a 1.500 euros, e as moi graves, de 1.501 a 3.000 euros.

Pasos a seguir

Esta proposta de ordenanza será publicada, na menor brevidade posible, no Boletín Oficial da Provincia (BOP), tras unha xuntanza "fructífera" no día de hoxe da Alcaldesa cos inspectores da Policía Local, para que calquera persoa poida opinar respecto dos aspectos a regular en dita ordenanza.

Unha vez pasado este período, convocarase a Mesa de Traballo de Ordenanzas para que todos os grupos políticos municipais poidan facer as súas aprtacións. Logo de consensuar un texto, tanto coas achegas da cidadanía como dos grupos, a ordenanza aprobarase en Xunta de Goberno e logo elevarase a Pleno para súa aprobación, co obxectivo de que entre en vigor no vindeiro ano 2018. Ademais, esta nova ordenanza é en cumprimento a un acordo plenario máis.

"Lugo quere ser vangarda. Non só temos un modelo de cidade baseado no veciño como centro de todas as accións políticas, senón que regularizamos o noso modelo en normas de convivencia para que entre todos teñamos un Lugo máis limpo, solidario e amable. Ese é o meu obxectivo neste mandato e iso é o que imos conseguir entre todos, co impulso da súa xente", concluíu a Alcaldesa.

Audio

Multimedia

  • A Alcaldesa anuncia unha ordenanza cívica para impedir a actuación dos gorrillas e as agresións ao patrimonio

Noticias relacionadas