A Alcaldesa anuncia un plan de limpeza intensiva da cidade co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños

Lara Méndez avanzou que este plan especial vén de arrancar no centro histórico e que, unha vez finalizadas as festas do San Froilán, os traballos de limpeza estenderanse a todos os barrios da cidade

O Concello acometerá, entre outras medidas, o desbroce de parcelas municiapis sen urbanizar, o lavado intensivo de papeleiras, a limpeza de sumidoiros, a eliminación de pintadas e a limpeza dos accesos á Muralla

A Alcaldesa tamén adiantou o reforzo do servizo de limpeza durante as festas do San Froilán “para garantir unhas condicións óptimas para disfrutar da celebración das nosas festas patronais”

Venres, 11 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez, Alcaldesa de Lugo, durante a súa comparecencia

A Alcaldesa, Lara Méndez, anunciou este venres un plan especial de limpeza intensiva da cidade co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos lucenses e a imaxe da cidade, “unha prioridade para o Goberno Local, posto que tamén é unha das peticións que nos fan chegar os nosos veciños e veciñas”, subliñou a rexedora.

“Este plan especial vén de arrancar no centro histórico co fin de que a cidade mostre a súa mellor cara aos miles de visitantes que recibimos durante as festas do San Froilán”, destacou Lara Méndez, quen deu a coñecer que unha vez finalizadas as festas, os traballos de limpeza viaria intensiva estenderanse a todos os barrios da cidade.

Actualmente a limpeza estase a acometer na Rúa Vila de Foz e os seus canais, debido á inmediata instalación das casetas do polbo. Posteriormente, as tarefas continuarán pola Ronda da Muralla, Ramón Ferreiro, inmediacións do Parque de Rosalía de Castro e todo o ámbito do feiral das festas de San Froilán.

“Desta forma, queremos que tanto os nosos veciños e veciñas, como os miles de persoas que nos visitan disfruten de todo o patrimonio que temos: historia, cultura, gastronomía... e que o fagan cun bo estado da cidade. Queremos que veñan a Lugo e repitan”, asegurou a Alcaldesa.

Neste senso, Lara Méndez fixo fincapé nunha cidade limpa como oportunidade principal para incrementar o turismo, “que é unha aposta fundamental deste goberno para impulsar o desenvolvemento económico da nosa cidade e a creación de emprego. Apostamos por un turismo do século XXI: cultural, gastronómico, accesible e ben posicionado”, sentenciou a rexedora.

Méndez pediu tamén a implicación dos lucenses. “Contribuír a que Lugo sexa unha cidade verde é unha tarefa común e colectiva”, sinalou.

Medidas de limpeza intensiva

O Concello, como reforzo ás labores ordinarias de mantemento do municipio, realizará o desbroce de parcelas municipais sen urbanizar existentes, acometerá o lavado intensivo de papeleiras e pintado daquelas que o necesiten, así como doutro mobiliario urbano, e eliminará os carteis publicitarios. A entidade local procederá tamén ao lavado intensivo de beirarrúas, á aplicación de tratamentos para eliminar musgo, á limpeza de sumidoiros e á eliminación de pintadas. Este plan tamén contempla o baldeo de rúas e unha limpeza especial dos accesos á Muralla Romana.

Neste operativo especial toman parte unha brigada de desbroce, con tractor equipado con desbrozadora, ademais das desbrozadoras manuais; un furgón de mantemento de papeleiras e colectores de residuos, un furgón equipado con hidro-limpadora, un equipo de eliminación de pintadas, unha fregadora de beirarrúas, 2 hidro-limpadoras de alta prsión, 2 camións baldeadores e un camión de succión-impulsión e limpeza de sumidoiros.

Reforzo do servizo de limpeza durante o San Froilán

A Alcaldesa tamén adiantou o reforzo do servizo de limpeza durante as festas do San Froilán “para garantir, un ano máis, unhas condicións óptimas para disfrutar da celebración das nosas festas patronais”.

Audio

  • Declaracións da alcaldesa sobre o plan de limpeza intensiva| Descargar mp3

Noticias relacionadas