A Alcaldesa anuncia 300.000 euros no 2018 para saneamento ante a nova plataforma veciñal Lugo en pé... na defensa do rural

Nun encontro con máis de 700 veciños e veciñas, Lara Méndez avanzou unha xeira de reunións polas parroquias para que trasladen propostas á Oficina Municipal de Asuntos do Rural e avanzar así na elaboración de proxectos

A rexedora subliñou o amplísimo poder de convocatoria do rural demostrado no acto de hoxe e felicitou á plataforma “porque a unión fai a forza precisa” para acadar “as dotacións e servizos necesarios para poder vivir no rural e do rural”

Venres, 07 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa anuncia 300.000 euros no 2018 para saneamento ante a nova plataforma veciñal Lugo en pé... na defensa do rural

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, comprometeu este venres, no encontro coa nova plataforma veciñal Lugo en pé... na defensa do rural, que reuniu a máis 700 veciños e veciñas no centro de convivencia Uxío Novoneyra e no mercado Quiroga Ballesteros, que o Goberno local destinará unha partida de 300.000 euros no Orzamento do ano 2018 para avanzar na dotación de saneamento no rural, e esixirá á Xunta que achegue 700.000, co fin de dispoñer de un millón de euros para levar a cabo actuacións neste eido o vindeiro ano. “O saneamento non é xa unha necesidade, é un dereito. É certo que resulta custoso e que non temos capacidade económica para facelo todo á vez, pero iso non significa que non debamos ir avanzando, establecendo unhas prioridades, e ir consignando partidas orzamentarias ano a ano”, explicou a rexedora.

Así mesmo, Méndez avanzou que a próxima semana o Concello comezará unha xeira de reunións “parroquia por parroquia, cos veciños, pedáneos, asociacións, comunidades de montes... para instalos a que pasen pola Oficina Municipal de Asuntos do Rural a expoñer propostas co fin de, cando menos, avanzar na elaboración dos proxectos para poder executar as obras en canto dispoñamos de recursos”.

A rexedora participou no encontro coa nova plataforma veciñal, que coordina Ángel Rodríguez Abuín, presidente da asociación de veciños de Esperante, acompañada dos concelleiros de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández; Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto; Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez; e Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira.

Tanto Lara Méndez, como Miguel Fernández, felicitáronse polo amplísimo poder de convocatoria do rural, demostrado no acto desta tarde, que desbordou completamente o centro Uxío Novoneyra, o que significa que “o rural é reivindicativo, ten futuro e nunca falla”, así como pola creación da propia plataforma porque “a unión fai a forza precisa” para conseguir “as dotacións e servizos necesarios para poder vivir no rural e do rural, e que non sexa unha illa de sobrevivintes, senón un paraíso”, asegurou a Alcaldesa.

Méndez destacou que é “imprescindible o movemento asociativo” para acadar as reinvidicacións, como demostrou a consecución dos servizos de Medicina Nuclear e Radioterapia no HULA, polo que expresou o seu recoñecemento á nova plataforma en defensa do rural e a implicación dos pedáneos, asociacións veciñais, comisións de festas e comunidades de montes.

Chamada a todas as portas

A Alcaldesa destacou que todas as administracións deben traballar da man para dotar dos servizos e infraestruturas que precisa o rural. “Eu petarei en todas as portas, ás da Deputación, a Xunta, o Goberno central e mesmo as de Europa, independentemente da cor política de cada unha, para trasladar todas as necesidades do rural. É certo que son moitas e non temos capacidade para darlles resposta inmediata, pero iso non significa que non se poida ir avanzando, establecendo prioridades para elo”. Deste xeito, destacou que é imprescindible a dotación de comunicacións, tanto por estrada, como por ferrocarril, pero tamén os servizos telemáticos para evitar o illamento do rural.

Esta foi a primeira reunión da plataforma Lugo en pé... na defensa do rural cunha administración por ser o Concello a institución máis próxima ao cidadán. Deste xeito, tal e como avanzaron, manterán xuntanzas proximamente cos grupos municipais da Corporación local, coa Deputación e a Xunta. Entre as reivindicacións coas que xurde Lugo en pé... na defensa do rural figuran a dotación de saneamento, o impulso de medidas que freen o despoboamento, a eliminación de vertedoiros incontrolados, a reforestación, a loita contra os incendios, o arranxo de vías, o alumeado ou o prezo do leite e a carne.

Multimedia

  • A Alcaldesa anuncia 300.000 euros no 2018 para saneamento ante a nova plataforma veciñal Lugo en pé... na defensa do rural
  • A Alcaldesa anuncia 300.000 euros no 2018 para saneamento ante a nova plataforma veciñal Lugo en pé... na defensa do rural

Noticias relacionadas