A Alcaldesa analiza cos voceiros como desbloquear o pago de facturas por 2,3 millóns

Na xunta de portavoces desta mañá acordouse estudar a viabilidade de levar a Pleno as minutas pendentes divididas en lotes co fin de habilitar crédito e facer os abonos

Lara Méndez apelou á responsabilidade dos grupos municipais, “pois os servizos están prestados, co que, de non pagarse, a Administración incorrería en enriquecemento inxusto”. “A cidade non pode saír prexudicada”, subliñou

Mércores, 12 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa analiza cos voceiros como desbloquear o pago de facturas por 2,3 millóns

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convocou á Xunta de Voceiros esta mañá co fin de analizar conxuntamente cos grupos políticos da Corporación municipal como desbloquear o pago de facturas pendentes por 2,3M€, incluídas no expediente de Recoñecemento Extraxudicial de Crédito que non saíu adiante no Pleno de marzo.

No marco desta busca de “puntos de consenso e encontro na que queremos seguir avanzando”, tal e como subliñou a rexedora, na xuntanza de hoxe acordouse estudar a viabilidade de levar a Pleno as minutas pendentes divididas en lotes co fin de habilitar crédito e facer os abonos.

Lara Méndez apelou á responsabilidade da oposición, pois, independentemente dos defectos de procedemento administrativo que poida haber, “hai uns servizos prestados, uns traballos feitos e uns subministros adquiridos por parte do Concello, co que temos a obriga de pagalos e, de non facelo, a Administración incorrería en enriquecemento inxusto e estaríamos deixando de pagar a aqueles que fixeron un traballo por un motivo alleo a eles”. “A prexudicada non pode ser a cidade de Lugo”, recalcou a Alcaldesa.

Audio

Noticias relacionadas