A Alcaldesa advirte dun “retroceso” en igualdade durante a entrega dos II Premios Enxeñería e Muller Rural

Xoves, 01 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa advirte dun “retroceso” en igualdade durante a  entrega dos II Premios Enxeñería e Muller Rural

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este xoves na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría na entrega de premios do II Concurso de Traballos de Fin de Grao Enxeñaría e Muller Rural, organizado pola Comisión de Igualdade do centro, un acto no que a rexedora subliñou a necesidade de seguir traballando pola igualdade entre mulleres e homes “máis ca nunca porque nos queda moitísimo por facer”. Advertiu de feito dun “retroceso” neste eido nos últimos anos, que se visualiza na importante baixada do estudantado feminino nas enxeñarías, dun 12% na última década, na aínda escasa presenza de mulleres en postos directivos tanto no ensino, como no resto de ámbitos profesionais, e na gran dificultade para conciliar a vida laboral e familiar, que “case sempre pasa polo sacrificio dunha das partes, normalmente a muller”.

Na entrega de premios participou Carmen Silva, vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo; a presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica, Dolores Fernández; e a Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, ademais de Paula Fandiño, enxeñeira agrónoma, xerente na adega Mar de Frades, que ofreceu un relatorio.

Das 27 candidaturas valoradas, todas cualificadas con notable e sobresaínte, gañaron o II Concurso Enxeñaría e Muller Rural os traballos de María Nerea Fernández Canto, por Estudo e caracterización de proteínas de orixe vexetal para o correcto desenrolo dun produto untable alternativo ao de orixe animal, e de Ismael Moeda Doval, con Proxecto de Reforma e ampliación dunha explotación porcina de destete para 5.791 cabezas en O Coto, Toques. Entregáronse accésits a María Amparo Ferreira Golpe, por Avaliación do impacto socioeconómico da vespa velutina nigrithorax na provincia da Coruña; e Paula Núñez de Miguel, por Análise e Mellora da rede de saneamento das parroquias de Pexegueiro e Malvas (Tui-Pontevedra).

Esta iniciativa ten como obxectivo poñer en valor e premiar aqueles traballos de fin de grao das ensinanzas que imparte a Politécnica asinados por alumnas ou que teñan como temática o desenvolvemento de proxectos que melloren as condicións de vida e traballo das mulleres no medio rural.

Noticias relacionadas