A alcaldesa acada o compromiso do Goberno Central para dotar de Internet á totalidade das zonas brancas do municipio co Plan Único de Banda Ancha

A actuación beneficiará a 593 agrupacións de vivendas e a 2.522 inmobles que até o momento non dispoñían deste servizo.

Ademais, o Concello coordina con Retegal a disposición de terreos para a instalación de torres que melloren o sinal noutras 15 entidades singulares de poboación ao abeiro do convenio que mantén con AMTEGA.

Xoves, 20 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa acada o compromiso do Goberno Central para dotar de Internet á totalidade das zonas brancas do municipio co Plan Único de Banda Ancha

593 pequenas agrupacións de vivendas, en total 2.522 inmobles do rural lucense, disporán proximamente de Banda Ancha. A área de Medio Rural, que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, vén de acadar que a Dirección Xeral de Telecomunicacións do Goberno de España mellore, a través do Plan Único que mantén en vigor até o 2023, o acceso nas parroquias ás redes de telefonía e Internet.

“Unha actuación importantísima – asegurou o concelleiro – que beneficiará á totalidade do censo estatal de zonas brancas ou con ausencia de operador na nosa localidade e que suporá un antes e un despois no que ten que ver coas prestacións que ofrece o rural para asentar poboación, para rachar coa brecha que, neste aspecto, o lastra fronte ás contornas urbanas e que propiciará, así mesmo, o desenvolvemento dixital para o sector agrogandeiro ou forestal pero tamén a modernización empresarial en xeral, incrementando a calidade de vida da cidadanía e os servizos aos que ten acceso, que é o que pretendemos en última instancia”, afirmou Miguel Fernández.

O edil anunciou, ademais, que, nestes momentos, o Executivo de Lara Méndez colabora con AMTEGA, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia - que xunto ao Goberno Central son as dúas administracións que teñen competencias na materia - para estender a outras 15 entidades singulares de poboación o despregamento de redes 4G e telefonía móbil.

“As beneficiarias son Alta, Locai, Marcoi, Riobó, Vilariño, Bacurín, Carricova, O Burgo, Gondar, o Hospital, San Pedro de Abaixo, San Pedro de Arriba, Miñao, Cabanas e Torible nas que, nas vindeiras semanas, se buscarán xa os terreos axeitados para poder instalar as torres en coordinación coa empresa Retegal que é a responsable de executalas”, indicou o edil.

Fernández explicou, igualmente, que o impulso dado pola súa área á mellora da calidade das redes de acceso móbil de voz e Banda Larga no rural ten como base técnica o estudo elaborado polo Concello para determinar, de xeito preciso, as necesidades de cobertura dos 320 núcleos que integran as 54 parroquias de Lugo.

“Unha análise que serviu como base para documentar as nosas solicitudes a fin de poder detallar cal era a situación real do municipio e as demandas que, ao noso xuízo, urxía atender con maior prioridade, de xeito que, logo destas actuacións hoxe anunciadas, xa non existirán no noso Concello zonas con máis de dúas entidades de poboación sen redes de alta capacidade ou 4G, agás unha pequena porcentaxe de lugares nas que non ten aplicación este tipo de tecnoloxía pola súa dificultade orográfica ou xeográfica”, concluíu o tenente de alcaldesa.

Noticias relacionadas