A Alcaldesa acada o compromiso de Feijóo de non "deixar descolgado" a Lugo

A rexedora, que definiu a reunión como "intensa", entregoulle ao presidente o mesmo dossier que en agosto de 2015, "pois as demandas e reivindicacións feitas polos veciños e veciñas de Lugo non están realizadas na inmensa maioría"

En canto a infraestruturas, "entendendendo que son imprescindibles para a evolución dunha cidade e que fan país", Lara Méndez puxo enriba da mesa a Intermodal, que no ano 2012 tiña un proxecto, comprometido polo propio Ministerio, e que se rescindiu

No referente ao eido sanitario, a Alcaldesa reivindicou unha vez máis Hemodinámica 24 horas, e en temas de benestar, "a tan necesaria residencia de terceira idade", posto que Lugo leva 40 anos sen unha residencia pública

Méndez parafraseou ao propio presidente, quen admitiu que Galicia non quere ser máis nin pode ser menos con respecto a España, trasladándo a afirmación a Lugo, que non quere ser máis que ningún outro galego, pero que tampouco non quere ser menos

Venres, 10 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa acada o compromiso de Feijóo de non "deixar descolgado" a Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acadou este venres o compromiso do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, de non "deixar descolgado a Lugo" na xuntanza que mantiveron esta mañá en Santiago. A rexedora, que definiu a reunión como "intensa", entregoulle ao presidente o mesmo dossier que en agosto de 2015, "pois as demandas e reivindicacións feitas polos veciños e veciñas de Lugo non están realizadas na inmensa maioría".

En canto a infraestruturas, "entendendendo que son imprescindibles para a evolución dunha cidade e que fan país", a Alcaldesa puxo enriba da mesa a Intermodal, que no ano 2012 tiña un proxecto, comprometido polo propio Ministerio, e que se rescindiu, aínda co compromiso da Xunta de seguir avanzando nela. "Queremos que sexa unha realidade, para non quedar illados, e seguir así promovendo a chegada a Lugo do AVE," subliñou a rexedora.

O Plan Paradai foi outro dos temas comentados na reunión, "un plan que xa cumpriu a maioría de idade, máis de 18 anos dende o seu inicio e que aínda non está acabado". Neste punto, Feijóo trasladoulle á rexedora a intención de impulsar novos treitos, que a Xunta deberá concretar urbanisticamente. Así mesmo, no encontro falouse da dotación do barrio da Residencia. "Queremos eses compromisos adquiridos por parte da Xunta de Galicia, como o PAC ou un centro de saúde" subliñou a rexedora, quen lembrou a xuntanza no día de onte para instalar unha comisaría de Policía no Vello Xeral, de caracter partidista e non institucional.

No referente ao eido sanitario, Lara Méndez reivindicou unha vez máis Hemodinámica 24 horas, e en temas de benestar, "a tan necesaria residencia de terceira idade", posto que Lugo leva 40 anos sen unha residencia pública. A rexedora lembrou que o pasado ano, o Concello puxo a disposición da Xunta 7 parcelas para esa ubicación, pendente dunha contestación da ubicación por parte da Xunta. Nesta liña, Feijóo avanzou a intención da administración autonómica de presentar nas vindeiras semanas un Plan Director para que Lugo teña residencia de maiores.

Entre outras cuestións, Lara Méndez esixiu máis prazas públicas de gardería, irrenunciables polo que supón en termos educativos e sobre todo, de conciliación, e trasladoulle ao presidente dos galegos, e tamén dos lugueses, a preocupación do Goberno lugués por dinamizar emprego, e de dotar de servizos básicos aos veciños e veciñas do rural, como o saneamento, para o cal pediu colaboración coa administración autonómica.

Xa no referido ao educativo, a Alcaldesa amosou a vontade de finalizar os axustes necesarios para conceder a licenza para que a Xunta comece máis cedo que tarde coa obra de ampliación do colexio das Mercedes e do Sagrado  Corazón. Así mesmo, coas licenzas para que a Xunta continúe coa rehabilitación da Tinería.

Por último, en canto ao Auditorio, e tras a suxerencia de Feijóo de non cobrar o imposto de bens inmobles ao hospital e aos centros de saúde no termo municipal, a rexedora luguesa comprometeuse a estudalo, co obxectivo de poñer en funcionamento o Auditorio.

Para Lara Méndez coa xuntanza de hoxe, dunhas dúas horas de duración, comeza "unha etapa nova", e cree que este mandato será "no que os lucenses lle poderemos dar as grazas ao Presidente por unha colaboración entre ambas administracións, necesaria, e que redundará nos e nas lucensas". Para rematar, a rexedora parafraseou ao propio presidente, quen admitiu que Galicia non quere ser máis nin pode ser menos con respecto a España, trasladando a afirmación a Lugo, que non quere ser máis que ningún outro galego, pero que tampouco non quere ser menos.

Noticias relacionadas