Adxudicado por 82.000 euros o servizo de dinamización dos sete centros socioculturais do Concello no rural

A Xunta de Goberno deste mércores acordou prorrogar por un ano o contrato administrativo correspondente á explotación das cafeterías das piscinas de As Pedreiras e de Frigsa

Na sesión deste mércores aprobouse a licitación do desbroce en pistas do rural por 125.000 euros, que afectará a uns 700 quilómetros de vías de 49 parroquias

Mércores, 16 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores acordou adxudicar o servizo de información e dinamización dos sete Centros de Dinamización Sociocultural do Concello sitos na zona rural á mercantil Proyectos y Sinergias Empresariales S.L- -os centros de San Xoán do Campo, Coeses, Sáa, Santa Comba e Rubiás-, e Billarda S.L. -os centros de Calde e Santa María de Bóveda- por uns 82.000 euros, máis de 51.000 euros para a primeira mercantil e uns 30.800 para a segunda. Así o deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen avanzou que a duración do contrato é dun ano, podendo prorrogarse por outro.

Prórroga das cafeterías das Pedreiras e de Frigsa

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno acordou prorrogar polo prazo comprendido dende o 18 de febreiro de 2016 ata o 17 de febreiro de 2017 o contrato administrativo correspondente á explotación da cafetería anexa á piscina municipal cuberta do campus universitario As Pedreiras, establecendo un canon para aboar ao Concello de 918,37 euros mensuais. Neste senso, tamén acordou prorrogar polo prazo comprendido dende o 1 de marzo de 2016 ata o 28 de febreiro de 2017 o contrato administrativo correspondente á explotación da cafetería anexa ao complexo deportivo da piscina municipal de Frigsa, establecendo un canon para aboar ao Concello de 813,02 euros mensuais.

Plan de Roza

Tal e como se anunciara no día de onte, a Xunta de Goberno aprobou a licitación dos traballos de desbroce en pistas de diversas parroquias da zona rural. A licitación farase por procedemento aberto. Así mesmo, aprobáronse os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na licitación.

As tarefas de desbroce, que afectarán a uns 700 quilómetros, contarán cun orzamento duns 125.000 euros, posto que se establece un prezo por quilómetro de 179 euros por quilómetro. Os traballos de limpeza realizaranse ao longo de tres meses, a desenvolver entre os meses de xuño e setembro, tendo a empresa adxudicataria que dispor en activo, simultaneamente, de 8 tractores para executar os traballos de roza. Este prazo de tres meses poderá prorrogarse ata o mes de outubro. Así mesmo, o contrato poderá prorrogarse para o ano 2017.

Os traballos de desbroce acometeranse en 49 das 54 parroquias do Concello, facéndose cargo da limpeza diaria das 5 restantes a brigada municipal. Deste xeito, o Plan de Roza contempla o desbroce dos viais de Pías, Monte de Meda, Coeses, Soñar, Saá, Torible, Prógalo, Piugos, Meilán, Castro, Pena, Bocamaos, Ombreiro, Adai, Outeiro, Camoira, O Burgo, Lamas, Santa Comba, Recimil, Anxos, Coeo, Santa María de Bóveda, Teixeiro, San Román, Esperante, San Xoán do Alto, Orbazai, Santa María Alta, Bacurín, Bóveda-Santalla, Vilachá de Mera, Poutomillos, Mera, Calde, Veral, San Xoán do Campo, Cuíña, Ribas do Miño, Piñeiro, Carballido, Pedreda, Rubiás, Labio, Gondar, Bascuas, Romeán, Benade e Bazar.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello na páxina web www.lugo.gal O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a adxudicación do servizo de información e dinamización dos sete Centros de Dinamización Sociocultural do Concello |Descargar mp3

Noticias relacionadas