Adxudicado o servizo de transporte urbano de viaxeiros de Lugo

A empresa Autobuses Urbanos de Lugo será a responsable da xestión deste servizo, que para este exercicio do 2016 terá un orzamento de 2.994.186,30 euros. O aforro que supón a nova concesión ascende a 600.000€ ao ano

O contrato inclúe un plan de remodelación das liñas para adaptar o servizo á realidade do municipio e mellorar a súa prestación

Na sesión deste mércores aprobouse prorrogar o contrato do servizo de comidas do fogar, que no pasado ano repartiu máis de 17.700 menús, para o que o Concello destina 83.700 euros

Mércores, 10 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Adxudicado o servizo de transporte urbano de viaxeiros de Lugo

A Xunta de Goberno Local adxudicou a xestión do servizo de transporte urbano de viaxeiros de Lugo á empresa Autobuses Urbanos de Lugo, do grupo lucense Monbus, por un prazo de 10 anos, con opción a prórroga de 5 máis. Para este exercicio do 2016, a concesión ten un orzamento de 2.994.186,30 euros, que inclúe tanto o desembolso económico que fai o Concello como o importe das tarifas dos billetes que paguen os usuarios do servizo. O aforro que supón o novo contrato ascende a uns 600.000€ ao ano.

O voceiro municipal, Miguel Fernández, explicou que se adxudicou o contrato a esta empresa por ser a oferta máis vantaxosa, pois plantexa 2,10 euros por quilómetros, 6 céntimos menos que a outra empresa; así como polas súas melloras. Entre elas, Autobuses Urbanos de Lugo propón como compromiso a cifra de 1.850.000 viaxeiros ao ano, cunha frecuencia de media hora cada liña, e con 5 prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida, fronte á frecuencia de 55 minutos e 4 prazas da outra empresa. A empresa adxudicataria terá que incorporar entre 11 e 12 unidades novas para cumprir a idade media establecida no prego de condicións, que nunca poderá superar os 10 anos de media, nin exceder dos 15 anos por vehículo, durante o período de concesión. Salvo no momento do traspaso da concesión actual, todos os vehículos que se adscriban a esta deberán ser de nova adquisición.

Monbus propón un plan piloto de eficiencia enerxética no segundo ano da concesión, baseado na adquisición dun vehículo de fontes enerxéticas e emisións diferentes, poñendo a disposición un autobús híbrido. A adxudicataria ofrece tamén un paquete de 7.000 quilómetros anuais sen custe para o Concello, así como a adquisición dun vehículo especial tipo minibus a fin de poder prestar servizos naquelas zonas que, polas dimensións dos viais existentes nas mesmas, non sexa posible a prestación do mesmo cun vehículo de maior tamaño.

O índice de calidade horaria de Monbus supera o 92,5%, e os de calidade nos autobuses, información e tratamento de reclamacións o 95% e o 97%, respectivamente.

Modernización do servizo

“Con esta nova concesión aproveitaremos para modernizar e mellorar a prestación do servizo, adaptándoo á realidade do municipio”, subliñou Fernández. Nos propios pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares figuraba recollido especificamente que a empresa concesionaria deberá realizar un estudo pormenorizado de todas as liñas urbanas, e un plan con medidas para mellorar o seu funcionamento e corrixir calquera deficiencia, nun prazo de 12 meses. Tras a oportuna tramitación e emisión dos informes técnicos procedentes, este estudo deberá ser aprobado polo Concello.

“Dende o Goberno consideramos máis idóneo implicar á concesionaria na mellora das liñas porque contará con persoal especializado para facer o devandito estudo e será a que, en definitiva, aplique as medidas que se adopten”, asegurou o voceiro.

Xantar no Fogar

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno aprobou prorrogar o contrato administrativo subscrito entre o Concello de Lugo e a mercantil Coesco Deza S.L., adxudicataria do servizo de comidas do fogar, dende o 19 de febreiro de 2016 ata o 18 de febreiro de 2017. Así o avanzou o voceiro municipal Miguel Fernández, quen anunciou que se aprobou tamén o gasto de máis de 83.700 euros para este servizo, denominado Xantar no Fogar, que repartiu máis de 17.700 menús no pasado 2015.

Trátase dun programa complementario da prestación de servizo de axuda no fogar, que pretende dar resposta ás necesidades especialmente da poboación maior do municipio, procurando a permanencia das persoas no seu contorno familiar en condicións dignas. Os meses que máis menús se repartiron no pasado ano foron os de outubro e maio, con 1.723 e 1.714, respectivamente.

Tal e como deu a coñecer Fernández, no 2009 o número medio de usuarios ao mes de Xantar no Fogar era de 39,5, incrementándose nun 34%, ata as 60 persoas, no 2015. O número de menús incrementouse nun 19% con respecto ao 2014, pasando de repartirse 14.400 a máis de 17.700.

Con este servizo, que ofrece comida preparada a domicilio 2 días á semana a cada beneficiado durante os 365 días do ano, o Concello pretende proporcionar unha alimentación equilibrada aos usuarios e favorecer a prevención de posibles trastornos de saúde derivados da insuficiente alimentación ou dunha dieta pouco adecuada, así como previr accidentes domésticos durante a preparación da comida. Este programa, que pode ofrecer tanto unha como as tres comidas a domicilio, ten un custe para os usuarios dende os 0 euros aos 4,71 por menú, segundo a renda do beneficiario.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a concesión do servizo de transporte urbano de Lugo|Descargar m3
  • Miguel Fernández, sobre a concesión do servizo de comidas do fogar|Descargar mp3

Noticias relacionadas